Síguenos en redes sociales:

A arquitecta Ruth Varela no Museo de Belas Artes. | // CARLOS PARDELLAS

“Se contratamos arquitectos con prazos curtos e honorarios baixos, non se fan bos proxectos”

“Tensionar o acceso á vivenda é cuestionar a supervivencia do modelo de cidade”

Equipo, colaboración, equilibrio. Son termos aos que recorre Ruth Varela Rodríguez para pensar en facer cidade coa participación do colectivo dos arquitectos na Coruña, que desde a semana pasada encabeza como presidenta da delegación do colexio galego, o COAG. A arquitecta vén de relevar ao equipo liderado por Roberto Costas, demanda mellores condicións laborais e urxe, de novo “en equipo”, a solucionar a demora nas concesións de licenzas urbanísticas.

Os arquitectos fan cidade. Son tidos en conta de xeito xusto polas administracións?

Os arquitectos estamos moi comprometidos coa cidade. Isto é unha cuestión de equipo, e o colectivo de arquitectos da cidade está ao máximo nivel nacional e internacional, con grandes empresas que recorren a profesionais do noso colexio. Canto máis se conte con ese equipo, máis lideraremos, e estamos nun momento extraordinario no que cada vez se conta máis con nós.

Entón é fácil facer as cidades ben, non?

É menos custoso que facelas mal. As cidades ben feitas son moito máis atractivas para todos os actores sociais e económicos. De entrada, hai que contar cun bo modelo de cidade para o cal sentar á mesa a todos eses actores, e os arquitectos son unha parte importante coa que hai que chegar a acordos.

A alcaldesa, Inés Rey, ten insistido en que no seu novo mandato a cidade afronta a súa “segunda gran transformación”, son palabras súas. Desde o punto de vista urbanístico e arquitectónico, cara a onde ten que ir esa transformación?

A cidade, como a sociedade, está nun escenario diferente do vivido ata agora, no que é necesario estar máis unidos porque hai retos de maior envergadura nos que non podemos errar. Falo de ter unha cidade resiliente fronte ao quecemento global e á crise ecolóxica.

Pero neses retos de envergadura, ten máis peso a mellora de espazos públicos ou a disposición de vivenda, nova ou rehabilitada?

Non se trata de escoller, non é unha dicotomía. O modelo de cidade ten que estar equilibrado, con suficiente espazo público e pensado tamén en relación a ese papel ecosistémico que ten que cumprir a cidade para darlle calidade de vida os seus residentes. Cun modelo equilibrado, todo funciona ben, no que máis importante que o propio modelo é a decisión correcta sobre os usos do solo, e máis, nun concello como o da Coruña, cun solo tan limitado. Un dos grandes retos que ten a cidade é ese.

A tecnoloxía e a intelixencia artificial, tan presentes hoxe en día en tantos ámbitos, están a condicionar dalgún xeito o exercicio da súa profesión?

[Pensa un tempo a resposta] Ben, a intelixencia artificial é algo que se superpón a todo e que condiciona moitos procesos coa toma de decisións automatizadas. É algo que nos condicionará como está a condicionar á cidade, mais ao que temos que estar atentos polos riscos que pode traer para o modelo de cidade, como pasa con calquera tecnoloxía.

Teñen os arquitectos en Galicia, e na Coruña, boas condicións de traballo?

Son moi mellorables. Por un lado, débese dar máis visibilidade ao noso traballo. Tamén actualizar os salarios, con traballos por conta allea de pouco valor, e por conta propia tamén. Nós somos unha profesión liberal pero que estamos expostos polas economías de plataformas a correntes precarias. Recorrer a traballos low cost é tamén recorrer a un futuro pobre. Para preservar o futuro hai que poñer a calidade enriba da mesa. Estas dinámicas quítanlle valor á profesión e tamén llo quitan ao resultado. Os arquitectos achegamos moito valor e temos que ter un retorno. Se os contratamos con prazos curtos e con honorarios baixos, o profesional non ten tempo e non se fan bos proxectos. Iso afecta á gran inversión que entre todos facemos para facer cidade.

Que protagonismo debe ter o colexio ante a problemática da escaseza de vivenda ou do aumento dos prezos de venda e aluguer?

Os arquitectos temos que ser facilitadores. Se se tensiona o acceso á vivenda, ocorren cousas que non se ven á luz, dinámicas que non son boas para a cidade porque cuestionan a propia supervivencia do modelo de cidade e repercuten negativamente en todos os actores. O colexio pode facer comprender esas dinámicas sendo mediador dun modelo equilibrado de cidade para que os axentes económicos poidan xerar riqueza.

É admisible a demora nas concesións de licenzas urbanísticas que denuncian os arquitectos e outros sectores?

O Consello Superior de Colexios de Arquitectos de España fixo pública unha enquisa coa participación de case dous mil técnicos municipais con dez causas da tardanza nas licenzas. A primeira causa é a falta de técnicos municipais, o debilitamento da taxa de reposición, a segunda é a deficiente utilización das novas tecnoloxías nas administracións. Tamén está a estrutura da documentación administrativa, que debe facilitarse máis. A un promotor, sexa cidadán ou empresa, hai que darlle axilidade, e tamén un proceso de garantías, sobre todo cando interveñen varias administracións. Neste aspecto das licenzas tamén temos que sentar todos xuntos para arranxalo.

¡Regístrate y no te pierdas esta noticia!

Ayúdanos a adaptar más el contenido a ti y aprovecha las ventajas de nuestros usuarios registrados.

REGÍSTRATE GRATIS

Si ya estás registrado pincha aquí.