Un ano máis, e xa van vintetrés, os Premios Opinión chegan á súa cita coa gala que se desenvolve no teatro Rosalía de Castro e que nesta ocasión terá como protagonistas a dúas formacións cunha longa traxectoria artística ás súas costas, Xacarandaina e Treixadura. Pero, ademais da entrega dos galardóns, a noite permitirá gozar tamén da interpretación de música en vivo da man de Álvaro Iglesias e Antía Muíño, quen darán a coñecer ao público da gala as súas últimas composicións.
“Tódolos galegos levamos dentro de nós unha semente de música tradicional”
Endaterra, un espectáculo no que participan 90 persoas sobre un escenario entre técnicos e artistas e que foi dirixido por Quique Peón, é o traballo que fixo a Xacarandaina merecedora do premio Acontecemento Musical do Ano na segunda ocasión na que se concede. A presenza dunha ducia de parellas de baile sobre o escenario obrigou a que fora representado na Coruña nun recinto de grandes dimensións como o Coliseum. A obra ofrece unha ampla escolma das danzas galegas que, segundo Peón, “pretende fomentar o amor á terra e a identificación da xente coa súa cultura tradicional”.
O espectáculo conta tamén coa participación de dúas actrices como condutoras da historia que se narra, coa que Peón sinala que se pretende que o público “sufra unha transformación”, do mesmo xeito que acontece cando un peregrino fai o Camiño de Santiago. Este traballo é un máis dos xa levados aos escenarios por Xacarandaina nos últimos anos, como O Poder do Arcabuz, Galizien Amerika Linie e Prestixio, xa que esta agrupación coruñesa conta cunha traxectoria de máis de corenta anos no eido da divulgación da cultura tradicional e fará no Rosalía esta noite unha demostración da súa capacidade artística.
Andaina Senlleira
O outro galardón que se entregará na gala será o de Andaina Senlleira, con xa dezasete edicións nas que se concede e que nesta ocasión recaeu en Treixadura, que arrincou o seu labor como grupo de gaita e percusión no ano 1990 na vila de Redondela e pasou logo a converterse nun orfeón coa incorporación de dez voces masculinas a raíz do traballo que levaron adiante sobre o sainete A chula de Pontevedra.
Aí comezou un traballo de recuperación da música popular baseado sobre os piares da gaita e o canto e no que a colaboración dos espectadores á hora de interpretala pasa a ser un dos aspectos máis salientables. Ademais das cantigas rescatadas polos membros do grupo na súa procura da mellor tradición musical galega, o seu repertorio inclúe algunhas das máis populares entre o público, que sempre xeran o entusiasmo cando son interpretadas nas súas actuacións.
Durante as case tres décadas e media de actividade de Treixadura, o grupo publicou oito gravacións, das que unha, Unha semaniña enteira, acadou unhas vendas de 13.000 exemplares, unha cifra pouco habitual nun mercado como o galego no que xa no 2006 esta fórmula de comercialización da música estaba en descenso.
A popularidade e prestixio acadado pola formación levouna a plasmar a súa experiencia na música tradicional no libro-disco Camiño longo, co que festexou os seus trinta anos de traballo, que segue a desenvolverse, xa que o grupo continúa no camiño da divulgación.
Actuacións de Álvaro Iglesias e Antía Muíño
O contrabaixista Álvaro Iglesias será hoxe o primeiro músico en actuar no Rosalía. O que fora o primeiro especialista europeo nese instrumento en gravar un disco en solitario ten unha longa traxectoria profesional na escena galega como compañeiro doutros músicos e publicará no próximo outono un novo traballo que levará o título de Mainelo. Iglesias interpretará na gala temas propios e outros tradicionais con arranxos seus e contará coa colaboración de dous músicos cos que traballa, Xosé Liz e Luís Peixoto.
A cantautora compostelá Antía Muíño será outra das artistas que intervirá na festa dos Premios Opinión. Principou a súa carreira co disco Carta aberta no 2022 e acadou fama coa súa participación en Levantarse e caer, a obra de Xabier Díaz dese mesmo ano. Malia que a súa traxectoria musical discorre por varios estilos e se beneficia da súa formación na guitarra clásica, a súa presenza no Rosalía estará adicada á música de raíz nun sentido extenso. A súa actuación pechará a gala e contará coa colaboración doutros dous músicos.