Entrevista | Álvaro Iglesias Contrabaixista que actuará nos XXIII Premios Opinión da Música de Raíz o 2 de abril no Rosalía

“Tódolos galegos levamos dentro de nós unha semente de música tradicional”

“O meu sempre foi un proxecto a longo prazo, cun paso lento e firme”

O contrabaixista Álvaro Iglesias.

O contrabaixista Álvaro Iglesias. / ELI REGUEIRA

O contrabaixista Álvaro Iglesias será o encargado de abrir a gala dos XXIII Premios Opinión da Música de Raíz o vindeiro 2 de abril no teatro Rosalía, onde verá a luz algún tema do seu próximo traballo.

Será o encargado de abrir a gala destes premios. Como o leva?

É una emoción enorme e unha delicia absoluta poder estar aí. Para min os premios Opinión son como unha segunda casa. Estes premios son fundamentais. Aínda que profesionalmente non repercutan directamente na carreira, sempre gusta recibilos e que existan para potenciar o que estamos facendo en Galicia, moitas veces dende o amor puro.

Amor puro, pero tamén detrás hai moita formación e traballo.

Si, pero ese traballo tes que facelo cun amor e paixón incondicionais cara esta profesión. Se partes dun tema económico, mellor que non o fagas. A música tradicional é algo identitario e único de quen ten a sorte de posuíla, e para min de poder facela.

E goza de boa saúde?

Por suposto. A música tradicional e de raíz non ten fin, sempre saen cousas novas, sempre hai unha reinvención. É un gustazo escoitar a xente nova. Son proxectos que non teñen moito que ver co que fago eu, son outros arranxos, pero ver como a xente nova segue tirando da raíz como tronco da súa carreira é unha preciosidade. As foliadas están moi presentes e son moi numerosas, a maioría son xente nova que desfruta con algo tan básico e que se leva tantísimos anos facendo.

Cal é a clave para que a música de raíz siga enganchando?

Para a xente que nace en Galicia aínda que non escoite habitualmente a música tradicional teño a convicción de que está dentro de nós. Nalgún momento esperta e poste a integrarte con ela dunha maneira natural. Tódolos galegos levamos dentro de nós unha semente de música tradicional.

Na gala presentará algún tema do seu próximo disco. Que pode esperar o público deste traballo?

O meu próximo disco, Mainelo, sairá cara outubro ou novembro. É como unha continuación dos anteriores. Sempre vou facer este tipo de traballo co meu instrumento, o contrabaixo, que levo 30 anos tocando. Vai a ser o melódico que conduza a tódolos demais.

Vostede fixo historia na música tradicional ao ser o primeiro contrabaixista galego en editar un álbum.

Xa non galego, senón a nivel europeo. É algo excepcional e bonito, do que estar orgulloso. Non é nada sinxelo que coincida algo así. Hai que levar 30 anos tocando a música tradicional e coñecela moi ben, e saber moi ben o que queres facer despois. Non é simplemente saír co contrabaixo a tocar, é sabelo acompañar despois e integrar todo dun xeito que non sexa estraño, que resulte familiar.

E como é levar ese contrabaixo do disco ao directo?

En directo non é exactamente igual. Eu cando saquei o primeiro disco non quería facer concertos. O meu único obxectivo era sacar o disco e quedar aí. Tiven algunha actuación solta, pero cando saquei o disco Vagalume xa me propuxen facer concertos. O meu sempre foi un proxecto a longo prazo, cun paso lento e firme. E así vou facendo.

Hai anos non quería facer concertos e agora en outubro cruzará o charco para presentar o seu traballo en Bos Aires. Resultaralle familiar ao público de alí a súa música?

Van ser tres concertos, algún moi especial, como no teatro Castelao. A xente vai desfrutar moitísimo porque hai unha gran cantidade de galegos alí. Aínda que a grande maioría dos meus temas sexan de autoría propia funcionan exactamente igual que os tradicionais. Están ben arranxados, todos nunha mesma liña e a xente os acepta coma se foran todos tradicionais, de toda a vida. Iso da moitísima tranquilidade á hora de saír. O meu xeito de facer as cousas é respectando moitísimo o tradicional, incluso os tempos e os xiros melódicos moitas veces. Entón sempre hai esa raíz prendida que á xente lle resulta súper familiar.