Síguenos en redes sociales:

Basilio Otero Presidente da Federación Nacional de Cofradías de Pescadores

"Existe personalismo, as confrarías miramos soamente por nós en vez de polo conxunto"

"Cada vez que un barco desaparece, faino tamén moito traballo directo e indirecto" - "Non lle podes dicir a alguén que non pode pescar peixe sapo se xa o ten a bordo"

"Existe personalismo, as confrarías miramos soamente por nós en vez de polo conxunto"la opinión

Basilio Otero é presidente da Federación Nacional de Cofradías de Pescadores dende o pasado mes de abril. O tamén patrón maior do pósito de Burela e líder da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo foi o único candidato ao cargo que cumpría todos os requisitos esixidos.

-Por que cre que non se presentou ninguén máis?

-Evidentemente, influiu a situación na que está agora mesmo a federación, sobre todo no económico.

-Como era cando chegou?

-Xa a coñecía porque como presidente da provincial de Lugo xa acudira a ela, pero no día a día descobres cousas novas. Fundamentalmente, o que lle falta á federación é traballo para recuperar as confrarías que perderon a confianza por diversos motivos.

-Que outros problemas hai?

-A federación debería ter unha visibilización do traballo realizado que non tivo e tamén unha comunicación permanente coa xente, non só a través de circulares, tamén persoal. Cada vez pérdense máis activos para acadar unha única voz en España e iso leva á perda de autofinanciación. As confrarías que marchan deixan de pagar: é unha pescadilla que morde a cola que leva ao deterioro da entidade.

-Que lle transmiten as confrarías nas reunións que manteñen?

-Hai varios rumbos que coller. A xente coa que falei que xa estaba na federación, e tamén a que está fóra, entende que é preciso ter unha única voz en España. É a única maneira. É un traballo lento e, desgraciadamente, non temos moito tempo para facelo, pero esperamos conseguir unha bolsa de aire para poder seguir adiante.

-É difícil administrar unha organización que está composta por entidades tan diferentes?

-É máis fácil xestionar confrarías diferentes como unha do Cantábrico e outra do Mediterráneo, porque os intereses non están contrapostos, que unha galega e unha asturiana ou cántabra, que teñen o mesmo cupo. Hai que dialogar, coñecer as necesidades de cada un dos pósitos e entender que no caso do Cantábrico as cotas son insuficientes para todos e que temos que loitar xuntos para conseguir máis. Ás veces nunha mesma provincia hai intereses contrapostos dunha zona a outra e o diálogo debe ser fundamental, a pedra angular sobre a que se sustente a federación.

-A que se debe a falta de unidade entre as confrarías?

-Ven dada en moitas ocasións pola falta de confianza e o personalismo. As confrarías miramos soamente para nós en vez de polo conxunto, por facer forza xuntas para alcanzar retos máis importantes cos que nos irían mellor as cousas. Repito que o diálogo e a visibilización do traballo que se fai son fundamentais. Somos representantes dos pescadores, tanto a federación nacional como a autonómica, a provincial ou a propia confraría. Representamos á xente que vai ao mar e os seus intereses deben ser os que primen.

-É posible deixar atrás ese individualismo?

-Sí, é un dos principais retos que temos e as confrarías, sexan catalanas, canarias, andaluzas ou do Cantábrico, entenden que debe ser así.

-Como é a actual situación económica da federación?

-Delicada. Temos máis gastos que ingresos. Hai que intentar conseguir máis financiamento, sobre todo a través da recuperación da autofinanciación, e tamén da aportación que nos dá o Estado todos os anos. Hai que facer un axuste nos gastos da asociación, que deberían adaptarse aos ingresos.

-Cantas confrarías están nunha situación delicada?

-Hai varios casos entre as arredor de 200 españolas e cada un debe analizarse de xeito independente. Moitas apenas se sosteñen elas mesmas como para pagarlle cotas a ningunha federación, sexa provincial, autonómica ou nacional. Débese ter en conta iso para chegar a ter a representación de todas.

-Como pode solucionarse?

-Estamos a traballar no tema. Gustaríame que se fixese de abaixo cara arriba. As propostas teñen que emanar do sector para que a voz que eu teño como presidente da federación nacional o defenda alá onde corresponda, pero hai cousas como o coñecemento de cada unha das zonas e dos pósitos que sí que ten que ir de arriba cara abaixo.

-Como é a relación coa Secretaría General de Pesca do Ministerio de Agricultura?

-Boa, somos organismos simbióticos. A Secretaría precisa á federación, porque é máis fácil falar cunha voz única que ir sector a sector, e a federación precisa á Secretaría para solucionar os problemas.

-A frota quéixase de que non chegan os cupos e hai comunidades nos que sobran. Por que?

-Dise por activo e por pasivo que co plan do Cantábrico Noroeste sobran cotas porque se repartiron dunha forma que non era a máis axeitada. Debería haber unha flexibilidade que permita o traspaso de cupos entre modalidades de pesca. Como exemplo claro, ao arrastre sobroulle pescada pero pechouse para as artes menores, e non é lóxico que no mesmo caladoiro a unha arte lle sobre a outra lle falte a mediados de xuño. Estase a falar con Madrid do tema. Alberto [López-Asenjo] dixo que tiñamos que aprender a compartir porque non nos podemos queixar de que nos falta cupo cando nos está sobrando a finais de ano; hai que chegar con cota 0.

-A federación propón entón o traspaso intermodal?

-Sí, efectivamente. Hai dúas vías para traballar coa Administración que permitan que os barcos vaian todos os días ao mar. Primeiro, ter máis cota, porque se ben é certo que sobra en algunhas artes, noutras non chega; e despois, a posibilidade dos cambios intermodais.

-Como ve as novas aplicacións para comunicar as capturas?

-Temos que saber exactamente o que plantexan: a que embarcacións se lle quere aplicar ou se ese novo modelo de comunicación vai eliminar algún dos existentes para facer máis cómodo o día a día.

-Que prexuízos ten o sistema de comunicación actual?

-Varios. Se ben en determinadas ocasións non se cumpren os prazos de entrega dos diarios de papel en menos de 48 horas, o que retrasa o reconto das pesquerías e facer un peche efectivo, pero non se poden pechar da mañá para a noite. Hai confrarías que están pechadas e non reciben o aviso. Temos peches de peixe sapo das tres da tarde ás doce da noite, cando se pode pescar con miños que están 24 horas no mar. Non lle podes dicir a unha persoa pola mañá que non pode pescar peixe sapo se xa o ten a bordo.

-Rafael Centenera fala dun exceso de frota...

-De que frota fala? En España non hai moito había máis de 20.000 unidades pesqueiras e agora hai 10.000. No Cantábrico reduciuse drásticamente en algúns sectores e non podemos permitir que os desguaces sirvan para adaptar a frota ás cotas senón que sexan éstas as que se adapten para poder traballar o máximo posible de días con rendibilidade. Cada vez que un barco desaparece, faino un montón de traballo directo e moito máis indirecto.

-O secretario general de Pesca fala de quintuplicar a producción acuícola...

-En España importamos moito máis peixe do que pescamos para comer, e se o imos importar, mellor que se produza aquí aínda que sexa en acuicultura que traelo doutros países, porque xera postos de traballo. Debemos loitar porque o noso peixe de pesca extractiva sexa diferenciado nos lineais correspondentes, darlle un valor engadido, e temos que empezalo os pescadores. Cada minuto que perdemos criticando á competencia perdémolo sen darlle valor ao noso, no aumento dos prezos e na competitividade.

-Que segmento de frota pasa por unha situación máis difícil?

-Estamos todos inmersos nunha voráxine de cambios tanto polas cotas como polos descartes, que obrigan a facer unha xestión moi acertada para poder ter un rendemento óptimo ao final do ano.

-Falta relevo xeracional?

-Sí, claramente, e non só de titulación senón, e eu creo que é máis grave, de armadores. Hai moitos xubilados con embarcacións que teñen fillos que en poucos casos pasan a dirixir a empresa, moitas veces pola falta de cotas e polos cambios que sufrimos. Este si que é un problema importante que temos que resolver entre todos, que non sexan as posibilidades de pesca ou os problemas que veñen da Administración os que nos fan dano, senón a falta de relevo xeracional.

-Que solución ten?

-No caso dos mariñeiros, hai frotas nas que se gañan moitos cartos, polo que non é problema de salario, polo menos no Cantábrico. No caso dos armadores, é unha cuestión de burocracia, de trabas de todo tipo. Dependemos de polo menos catro Administracións: Fomento con capitanía, Educación coas titulacións, Traballo co propio traballo e Pesca porque é o que facemos. Conxugar todo iso é moi complicado e igual foro n máis rápido as normas que nós en adaptarnos.

-Ten futuro o sector?

-Sí, somos xente loitadora e confío na adaptabilidade do sector e, por suposto, na súa profesionalidade para saír adiante.

Pulsa para ver más contenido para ti