Síguenos en redes sociales:

soliloquios

Sempre de camiño a Grândola

Uns poucos coidan que "o do Beiras" é "culto á personalidade." Entre eses algúns hai quen o acusa de "retórica tan teatral como efectista." Trátase de quen define a Unión Europea como un "elo da dominación imperialista e neoliberal". Cando Beiras chama xerontocracia ao actual partido dominante no BNG non remite a idade de ninguén, xa que el non é tampouco novo.

Unha personalidade á que aínda se lle rende culto, é o que é o Beiras.

O Beiras naceu cunha estrela na frente e a súa estrela tinxiuse de vermello, a cor daltónica da nosa xeración. A estrela nata dos Irmandiños ten a cor das luces, da intelixencia: a intuición comprehesiva alumeada non por o racionalismo, mais pola razón.

Nunhas candentes declaracións debulla as doas da síntese verdadeira, que é a indefinidamente mutante cara adiante.

Afirma Beiras que o Bloque Nacionalista Galego non é a UPG, naceu no 1982. Engade que se algo está obsoleto é que está fóra de onda. O arestora teito do nacionalismo galego sucedeu entre 1997 e 2000. As vergoñentas ambicións políticas de algúns, estas si persoais, afloraron e mulcharon a ascensión do BNG.

O Beiras avoga por unha converxencia de socialistas, socialdemócratas, comunistas e nacionalistas sen adxectivos, porque a vella taxonomía de marxistas, leninistas, etc. esgotou o seu tempo.

Ben está que os da "indignación" berren o que non queren. Mais que queren, que postulan?

O desideratum que Xosé Manuel Beiras recorda e subliña a despeito dos acólitos do partido único é a meta afortunadamente nunca final: "O povo é quem mais ordena", como na Grândola ideal, a que sempre imos de camiño.

Pulsa para ver más contenido para ti