Síguenos en redes sociales:

Debían ter escrito na mesa do despacho: "Cave ne cadas"

Non sei se é a Biblia a que nos di: "Deus cega ós que quere perder". O caso é que os actuais gobernantes non aprenden en cabeza allea. Allea refírese ós anteriores... Aínda estou esperando os vinte días de prazo que me pediu un político do réxime pasado, con alto cargo executivo, e disque amigo meu. Anotando na súa axenda, de enriba do escritorio: "dáme vinte días e chamareite", ata hoxe... esperando. Claro, el, coma outros, porque son varios que caen nestes renuncios, ós que cega Deus ou quen sexa, e non só caen eles senón que funden o partido con eles ó que pertencen. Caeron do pedestal no que se crían eternos e hoxe están de militantes de a pé, eclipsados ou preteridos no mesmo. Víase vir. Crense eternos. Non reciben. Coñezo un país en vías de desenvolvemento onde presidente e os ministros, teñen un día á semana para recibiren ós cidadáns. Se había algún imprevisto, avisábante e pospoñíase a quenda de lista. Pero aquí, decepción tras decepción. Por iso din que todos son iguais. Ensoberbécense. Non coñecen. Eles e elas, que aires de espelidas!; en lingua cervantina, pizpiretas, e de arrogancia elas. Cando debían ter na mesa do seu despacho aquela sentenza, "cave ne cadas", a que se refire ós que se envaidecen de ocuparen un alto posto: Coida de non caer, era a advertencia que lle facía ó triunfador romano, un escravo colocado detrás del. Aquí tiña que haber varios escravos encargados do mesmo oficio.

Outra das debilidades humanas, debilidades nas que se parapetan, é o pathos do distanciamento, chamareille a enfermidade, (iso quere dicir pathos), do distanciamento, do afastamento, entre os gobernados, e a utilización do chamado pathos da distancia para provocaren respecto e submisión. Tense dito que non hai grande home para o seu axuda de cámara que o ve todos os días en interiores, en calzóns.

Tamén da mesma maneira, pódese afirmar que quen ten acceso ós círculos nos que se exerce o poder e ve as pequenas miserias, debilidades e fraquezas que alá teñen lugar non se sentirá moi inclinado a recoñecer á autoridade ou a maxestade dos que a detentan.

Resumindo, vólvense distantes dos que os votamos. Nin lles fan caso ós seus líderes: "que hai que acercarse ó pobo", aconséllanos. Aparecen declaracións de cando en vez. Pero traizóaos o subconsciente como a pedra que roda e roda ó precipicio.

Este manter a distancia cos súbditos é unha forma de asegurárense que o común dos mortais non perdamos o respecto ó poder e que consideremos o seu exercicio como algo misterioso, distante e case sacro. Abondando máis con argumentos de como os políticos melloran o seu futuro xa de seu asegurado. Hai anos, en 1007, no periódico Novas de Galicia, de información crítica, na páxina 6, "a indecente auto-atribuçon de sobresoldos vitalicios por parte dos altos cargos de livre designaçon (...) é un asalto ós fondos públicos de todos os galegos e galegas".

Onde se comproba máis o dito antes: Deus cega ós que quere perder.

Pulsa para ver más contenido para ti