Síguenos en redes sociales:

Resistencia de materiais

Sei que dicir isto me vai traer problemas, pero cando as cousas son como son, é mellor non agachalas: non é certo que todos sexamos iguais. Quizais o sexamos en dereitos, ou como dicía Abraham Lincoln, somos iguais cando nacemos, pero é a derradeira vez que o somos. Mais o certo é que a especie humana, fóra as características máis ou menos evidentes que todos apreciamos -e algúns odian- diferéncianse claramente polas enormes disparidades na resistencia de materiais. Hai unha serie de individuos, aparentemente normais, mesmo de aspecto físico insignificante a veces, que están dotados dunha dureza facial que vai moito más alá do cemento armado que tradicionalmente se reivindica como material comparativo e logra equipararse ao adamantium, o grafeno ou a unha aliaxe de titanio-molibdeno.

Normalmente, adoitase confundir a resistencia facial coa resistencia a dialogar ou a admitir argumentos contrarios ás opinións propias, sexan propias ou escoitadas por aí e gozosamente asumidas en base á autoridade moral do propagandista. Eses son casos, non menos lamentables, de rixidez cranial ("ter o cerebro como un croio", en expresión vulgar), que poden ir aparelladas coa ultradureza facial, pero normalmente non. Un caradura non precisa ter principios, calquera que sexa a súa procedencia. É máis, case axuda non telos, porque para ser un cara precísase flexibilidade, adaptabilidade ás circunstancias, ser xordo cando convén ser xordo, mudo cando mudo, ou falangueiro cando se precisa abafar a quen sexa dándolle á lingua. Tampouco é o mesmo a dureza facial que ter a sensibilidade dunha máquina quitaneves e as conexións nerviosas como se fosen de porespán. O cara, pola contra, o que ten é un férreo control dos sentimentos, e unha enorme capacidade de detectar os alleos, para aproveitalos ao seu favor, tipo Bruce Lee.

Hai exemplos a moreas de resistencia facial adamantina, pero como me sinalaba o outro día, pasmado, o meu amigo Tito Martín, ninguén como o aínda -e por moitos anos- reitor da Universidad Rey Juan Carlos. Este señor, o reitor Fernando Suárez Bilbao, non o rei emérito que dá nome á Universidade madrileña, foi acusado hai uns días de plaxiar os traballos de catro profesores doutras universidades, entre elas a de Santiago. Estamos falando de copiar páxinas polo método de corta e pega, non de apropiarse de ideas ou conceptos. Entendendo que esa conduta no responsable máximo dunha universidade non é precisamente un bo modelo educativo (un ministro alemán dimitiu por iso mesmo), empezaron a escoitarse voces pedindo que se fora. El non. Non as escoitou. Logo descubriuse que plaxiou a unha alumna, a seu pai (o del, non o da alumna), que mesmo copiou o traballo que lle deu a cátedra (é catedrático de Historia do Dereitoe membro das reais academias da Historia e de Jurisprudencia y Legislación, nada menos). Pronto se vai saber que ata plaxiaba no catecismo.

Calquera se metería na cama, ou trapense, ou comezaría a dar a volta ao mundo en monociclo. Este señor non. Vai a actos sociais, á universidade, entre alumnos (xuntaron 45.000 firmas para que se vaia). Desde logo, é impresentable como catedrático e investigador, pero un home dese temple está desperdiciando a súa vida na universidade.

Pulsa para ver más contenido para ti