Síguenos en redes sociales:

O labirinto do alquimista

Felipe Senén

A conxunción máxica de dous poetas, Novoneyra-Lamazares

Velaí para este verán unha conxunción galáctica baixo a controvertida carcasa do Museo Centro Gaiás de Compostela. Trátase da exposición con título, case esotérico, de Lamazares, flor Novoneira e que acolle obxectos, retratos, caligramas e publicacións do poeta courelá Uxío Novoneira, universo posto en conxunción coa reinterpretación pictórica do singular creador e tamén poeta das Terras do Deza, Antón Lamazares. Proba de que non serán tan certos aqueles versos do estremeño, "historiador de ideas" Jose María Valverde, con Novoneyra, un dos españolitos que viñeron ao mundo ás portas da guerra,"? se quedarán mis cosas sin mi desconcertadas/ seguirá mi tristeza paseando por rincones de sombra/ en mi amada ventana del sillón y la mesa/ seguirán los ocasos cayendo como siempre?" As cousas de Novoneyra deixan de estar desconcertadas, son reavivadas pola maxia do creador de Lalín.

Antón Lamazares (1954) está feito e curtido no mesmo coiro que tantos outros galegos, como os seus veciños, trotamundos e creadores, Laxeiro ou Sucasas, formados nas aventuras e desventuras das encrucilladas, sen deixar de ser "paisanos", que iso quere dicir interacción paisaxe-paisanaxe. Claro que na orixe está a orixinalidade e si esa se suma á de outros creadores con fondas raiceiras entón líanse en espesura e multiplícanse os efectos para quen queira e saiba enxergar. Por algo Antón Lamazares ten proxección máis alá dos coutos da súa bisbarra, esa mesma que foi a de tantos fidalgos e emprendedores feirantes, a velas vir polo mundo adiante, de Pepa Loba, de astrónomos aluados como Aller, de arriscados aviadores como Loriga, de mineiros e estraperlistas do volframio... a Terra e a súa Historia afonda as raiceiras...

A pesares de tanto bagaxe, Lamazares, con parada e fonda en Madrid ou Berlín, sempre será dos de ida e volta cara Lalín. Etiquetado como autodidacta, autónomo, partindo dese expresionismo, do brutalismo que está na paisaxe, na pedra e que os galegos levamos nos xenes, para enredalo cun rico imaxinario que ven de fontes célticas, románicas, do Ciprianillo, da arte popular... Lamazares, que poido ir para labrego, comezou como obreiro da construción en Barcelona, peón aprendiz da albanelería, facer conxuntado, inspirador da masonería, da masa, dos recebos, da paleta, da espátula e do péndulo, das siglas gremiais... Inmellorable aporte pro século das siglas, das rúbricas, das bandeiras, de sinos e sinales, das marcas e máis marcos, dos tatuaxes, dos emoticóns e outras coñas.... Códigos sabidos, asumido e domesticado polo creador de Lalín, para conducilos pola abstracción e o esencialismo, por ese seu espontáneo franciscanismo póvera, o que dende o espírito guía a man, os garabatos e as cores... Para máis compañeiro de parladoiro de Laxeiro, de Pesqueira, do poeta Carlos Oroza, de Jorge Oteiza, amigo de Humberto Baena, fusilado pola ditadura naquela alba de 1975 cantada por Aute... e iso pesa no corazón. Así é que Deus dáos e eles xúntanse, tamén o encontro coas esencias, coa cerna e os haikus, cos caligramas de Novoneyra. Ambos os dous creadores aureolados de panteísmo, de ansias de compartir mensaxes ancestrais, diálogos da alma, soños como os do atoleirado Merlín, buscador de remedios pola espesura dos bosques, entre as plantas, as penedas, as fervenzas, as fonte, as ruínas dun castelo, dun templo, dun pazo, o pardiñeiro dunha casa na que aínda sobrevive no que foi horta o loureiro e a figueira....

Ansia de comunicación a través do fondo e da forma, da imaxe, do grafismo que tanto bebe na protoescritura, nos petróglifos ou nos xeóglifos, como nos ideogramas, nos xeroglíficos, en primitivos alfabetos, vincha, cuñiformes, rúnicos, ogámicos, no grego, pahlevi, siriaco, cirílico, nas shufas chinas, no roingorongo de Rapanuí, na escritura de nós andina ou quipú... pero tamén no morse, telégrafos, taquigrafía ... Ao fin e ao cabo, códigos de signos, símbolos... ansía de comunicación, de compartir, que presupón acordos, normas, leis, arredor dos que nace a palabra, a escrita, para contar e cantar e tamén a liturxia. E xa nestas metémonos na semiótica, no suxestivo universo tratado por Leroi Gourham e xa non digamos por Umberto Eco. Inesgotable fonte de traballo na que seguir a abrir canles para a perfección da comunicación, do encontro e da solidariedade.

Cousa que ven de lonxe: sabemos que os arrieiros, os afiadores ou os canteiros, como moitos gremios de xornaleiros, tiñan a súa xerga, como o barallete, o verbo dos arxinas, que mesmo inventaban palabras ou falaban ao revés. Tamén sabemos que o argalleiro ourensán, don Juan de la Cova, inventou o trampitán... que Laxeiro compartía os seus momentos felices pronuciando altisoantes discursos en "checo", cheos de palabras desartelladas, presididas pola K, onde se comprendía todo polo xesto; mesmo coñecemos algúns dos seus pregóns escritos en espontáneo caligrama... e iso queda por algures para que o recollan e anoven os espíritos finos, como Lamazares. Así será.

Lamazaresé creador do que chama Alfabeto Delfin, código íntimo e transferible que busca aínda os seus paleógrafos, e no non faltarán os que o tenten e nos dean a transcrición. Polo de agora esoterismo que non chegou aos díxitos dos ordenadores: alfabeto con letras de triángulos, circunferencias, raias... Siglas trazadas sobre un soporte en cor viva, vernizada, picadas, graffiteadas, estampadas, gravadas, impresas, feitas con soletas, con coitela, coa punta seca, con ácidos, con resinas....

Ese mesma ansia de crear para servir e emocionar, herdada de vivencias, habitaba en Uxio Novoneyra, naquel morrosko ou viquingo noso, vestido con camisa de cadros, machado na man, a marcar no souto de Parada os castiñeiros da súa Casa cunha expresiva N maiúscula, a xeito de yin-yang tallado da súa man e con brocha tinxida de roxo. Facer que peta na sensibilidade de Lamazares pra abrirlle a porta e artillalo co seu.

Lamazares anima canto toca coa súa aguillada máxica. Usa como base materiais pobres, cartón, táboas, latóns... e sobre elas estende masas xeométricas, tintadas de verniz en contraste de brillos e mates, mestura de materias sobre os que mandan as gamas das cores da Terra, dos verdes, tamén o roxo e o loito que nos couta. Esencialidade na que se deixa falar á materia, á textura sobre a que corre "automaticamente" o pulo xestual de canto se leva dentro, a retranca da que, esaxerada, nace o esperpento. Suma na obra de Lamazares a xenialidade dos seus títulos. Todo pon a proba o seu grande valor literario, tras o que está un poeta, un maxín cheo de historias que contar e cantar. Multiplícase ese efecto no encontro co Novoneyra que enxerga o universo dende a porta, dende a solaina e as xanelas da súa casa de Parada, visión peneirada a través do esgrafiado dos tesos cumes que ollan de lonxe, dos eidos, do souto antigo, das nubes que devalan sobre a serra... E iso move o maxín e a man, así abrollan os seus caligramas e un bosque de suxestións. Cousas entendidas por quen con el vai, como no romanceiro vello anovado.

Con intervencións así engrandecese a cultura dun pobo e do universo. Canto dixo Novoneyra bendito está, e mellor que reproducilo en letras de ouro, facelo reavivando as mensaxes sempiternas por un creador con cerna, como Lamazares. Nesta aquece poñerse como monteira o Gaiás.

Pulsa para ver más contenido para ti