Síguenos en redes sociales:

O labirinto do alquimista

Felipe Senén

Viaxar con... homes e mulleres creadoras

Compre tomar nota dos acertos e aprender a lección. Pois velaí un proxecto da Delegaçao Regional da Cultura Norte de Portugal, en relación coas novas tecnoloxías da comunicación e da información, referímonos aos cadernos de Viajar com...Os caminhos da Literatura. Tratase de roteiros culturais e polo tanto de interese turístico, escritos con saber e sedución, arredor de canto supón a vida e a obra de homes e mulleres creadoras, inicialmente no universo da literatura, pero puidera ser tamén da investigación, da arte, da música, da moda... Proba de que canto tocan ou por onde pasan os xenios pode converterse nun recurso, no tesouro dunha lección permanente.

O mundo da creación presupón camiños andados, vivencias a través do tempo en escenarios que serviron na interacción do ser humano co "humus" coa natureza: encontro entre paisaxes, con paisanaxes, camiños, cousas, casas, monumentos, artefactos, tradicións, costumes, mitos, contos, cantos... a materia prima coa que conformar a creación... parte dunha espiral, como dun Xogo da Oca, dun xeito de peregrinatio vital que nos fará furar noutros universos...

Algunhas iniciativas semellantes houbo, hai e seguen con éxito en Galiza, comezando pola Ruta Rosaliana, de Compostela a Padrón; mesmo experiencias urbanas como a que, por Ourense, sigue os pasos da novela A Esmorga de Blanco Amor ou a Ruta de Picasso pola Coruña... máis recentemente con Francisco LLoréns polas Mariñas coruñesas que pintou. Mesmo con Valle Inclán, coa Condesa de Pardo Bazán, con Wenceslao Fernández Flórez, Asorey poderíase tramar algo acudindo como apoio ilustrativo aos seus propios textos ou obras. Algo xa se ven facendo con Manuel María a través dos seus artigos Andando a Terra crónica pola Cha adiante e máis aló. Viaxar con Novoneyra polo seu Courel... xa non digamos. Daríaselle así a voz propia dos xenios aos Catro Elementos en acción nos coutos nos que aconteceu a súa vida. E canto queda por tramar aínda en relación con ese labirinto pétreo, sempre máxico que é Compostela.

Lembramos a Ruta de Cezanne dende a súa casa e taller de Aix en Provence, pasando pola Brasserie Les deux garçons, a dos encontros e parladoiros con Emile Zola... seguindo polos camiños arredor do Monte de Saint Victoria, interpretándoo en xeometrías cubistas e cores segundo a horas do días, dos meses... por iso mesmo Picasso escolleu aquel lugar, a aldea e castelo de Vauvenargues, pra acougar a eternidade... tumba no berce da arte contemporánea.

Canto vende por onde pasou Hemingway, dende a súa casa en Oak park de Chicago... As viaxes de Cela, de Saramago... mesmo doutros creadores ansiosos de poñer os seus pés onde mesmo os puxeron noutro tempo os seus respectados admirados... e tantos viacrucis, translatios, peregrinatios de vivos ou mortos, de apóstolos, mártires, santos e virxes... das que tanto sabemos neste cabo do mundo e que se enguedellan no mito. Mesmo asolagándose nese Mar Adentro filmado que foi a cinematográfica vida de Xosé Ramón Sampedro... quizais tomando como modelo o que se fixo na toscana Arezzo seguindo as secuencias alí filmadas da tamén inesquecible película A vida é Bela. Modelos haber hainos, compre coñecelos e saber aplicar a lección.

Os devanditos cadernos portugueses de Viajar com... son un xeito de deixarnos guiar, levados da súa propia man polos escenarios da vida de homes e mulleres que teñen aportado algo á Historia da Cultura, como guións cinematográficos na busca da identidade en localizacións concretas. Con apartados como: unha introdución bibliobiográfica ao home ou a muller escritora, ao espazo de inspiración, o locus amoenus ou topografía literaria, dalgún xeito lugares sagrados pros seus autores... e no apartado das "entreliñas" un bordado, ou mellor filigrana entre o persoal e o universal. Experiencia que nos mete en músicas, recendos, sabores, especialmente dos viños, os segredos da cociña da casa.... o tacto, os contrastes que devalan a cada intre, a cada paso... deica enxergar o intanxible espírito das cousas. Claro que, e sabémolo ben, a Arte está en calquera recuncho, convén saber poñer os cinco sentido, sumando a cultura.

Unha boa guía, un bo cicerone, como un bo artista pode emocionarnos e facernos navegar por outros universos. Aspectos aos que entrar con poética, isto é: tanto máis coas razóns do corazón, "sen os ferrollos da racionalidade", esquivando as trabas da sociedade comercial.

Entre as referidas viaxes portuguesas e por canto nos poidan meter en asuntos da súa Galiza irmán - sempre en rotación cósmica arredor de Porto -temos moi a man o Viajar com... Teixeira de Pascoaes (1877)-, "espíritu sedento da Origem", ensaísta, poeta, novelista... fito da Renascença portuguesa, pai do saudosismo, señor e mestre, alicerce, referente pra Galiza Moderna, quen nos seus predios de San Joao de Gatao en Amarante, a máis de Unamuno e tantos outros creadores, convidou a Noriega, a Cebreiro, a don Ramón Otero Pedrayo... Roteiros que nos fan furar a través do corpo do lugar e da alma da súa Terra... "Montes da minha aldeia... en vós, irei dormir a eternidade... Que a vossa terra e os vossos pinheirais se alimenten de min, desta saudade que andou, en alma e carne, sobre o mundo..." conta Pascoaes en Sempre.

Do mesmo xeito e con estes "cadernos" podemos viaxar co humanista romántico, polígrafo, biólogo de Guimarâes, Alberto Sampaio, como tamén co xenial, fecundo e mesmo insatisfeito depredador de amores, o grande escritor Camilo Castelo Branco, recorrendo con el o Minho e Tras os Montes... Facer o mesmo con Eça de Queiroz da Povoa do Varzim... ou co poeta trasmontano de San Martinho da Anta, abrindo aos socalcos do Douro, Miguel Torga, "palabras maiores", diría Manuel María, amigo de tripar as terras e brindar cos viños dos creadores... E sempre pros portugueses, nas entreliñas, esas dúas cidades feita de arqueoloxía e de rezos, Coimbra e Braga, e como non a gran cidade europea, universal, antiga, decimonónica e moderna, referente e tan na base da cultura galega, Porto.

Viaxes dende a casa, dende os talleres de traballo, refuxios e endexamais cadeas, Itacas de ida e volta, continentes posuídos polas musas inspiradoras, os trasnos e o "genius loci", espazos abertos en balcóns, xanelas e portas abertas a un diálogo envolvente cos Catro Elementos, convidando a tomar rumbo á cerna da Rosa dos Ventos, entre montes, altares penedíos e serpes de ríos que envolven castros, aldeas, templos, castelos, pazos, mitos... Dende a orixe á pescuda do Homem Universal, conciencia do universo. Espazos, cousas xa desconcertadas, sobre as que se afiaron os sentidos de realistas ou visionarios xa ausentes, "viveiros de fantasmas". Recomendables viaxes de bos e xenerosos, "vaguidades que cumprido fin terán", ben seguro.

Pulsa para ver más contenido para ti