Síguenos en redes sociales:

Algo que declarar

Alberto Lema

A privatización do vento

Sen dúbida, a imaxe icónica da vitoria electoral de Feijóo no 2009 foi a do seu abrazo co presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán. Estamos ante un deses fenómenos que na linguaxe ufolóxica denominan avistamento: a exposición pública daquilo que normalmente está oculto, non ten unha existencia certa ou é considerado froito da fabulación incesante e rancorosa dos téoricos da conspiración política de esquerda. E como temos a vista adestrada para non ver o que temos diante dos ollos se nos resulta de existencia imposible, a moitos non escandalizou a manifestación pública e notoria da alianza entre o poder económico e o político posta de manifesto no abrazo entre Feijóo e Galán no Obradoiro, un 18 de abril de 2009.

Certo que ninguén reclamou aínda na morgue do cemiterio político o corpo inerte e magoado do Bipartito, un morto ao que Feijóo lle atribuíu todos os males de Galicia durante oito anos sen que ninguén abrise a boca en defensa do defunto. Tampouco pretendemos facelo nós agora. Mais, á vista das citadas probas gráficas, calquera podería concluír que as verdadeiras razóns do acoso e derrubo do goberno en alianza do PSOE e o BNG non foron as galescolas, nin a imposición do galego, nin tan sequera os paseos no barco de Jacinto Rey. A verdadeira razón debeu estar máis ben no deseño e resultado previsible daquel fanado concurso eólico promovido pola consellaría de Industria, que Feijóo suspendeu por razóns técnicas ao día seguinte de tomar posesión. Unha suspensión que o propio Tribunal Superior de Xustiza de Galicia considerou nula no 2012, cando xa estaban adxudicados os megavatios do novo concurso eólico, iniciado e resolto en tempo récord pola Xunta.

Deixemos para outra ocasión unha análise comparada dos concursos eólicos promovidos polo PP e o Bipartito e centrémonos no retorno que ten para o País a proliferación incontrolada que padecemos hoxe de parques eólicos nos nosos montes e na nosa paisaxe. O retorno pola vía impositiva é practicamente residual, un 5% en forma de canon eólico para o concello no que está instalado o parque sobre os beneficios da explotación. O retorno en forma de xeración de emprego directa é mínima, pois non se incluíu nos pregos do concurso o requisito ou a valoración da xeración de postos de traballo nas comarcas arredadas e despoboadas nas que se instalan os viraventos. E no que atinxe ás industrias transformadoras, o mellor exemplo do retorno dos parques instalados en Galicia témolo no caso da fábrica de aeroxeradores de Siemens-Gamesa das Somozas, deslocalizada recentemente a Portugal na procura de salarios máis baixos.

Fronte a esta verdadeira depredación neocolonial do noso territorio e dos nosos recursos existen modelos alternativos de xestión do mercado eólico no marco da normativa europea vixente, que non é o comunismo precisamente. Modelos que garanten a preservación da paisaxe e unha maior democratización no acceso a esta actividade económica e aos seus beneficios. Os representantes destoutro modelo non conforman un lobbie, non gañan eleccións, non abrazan presidentes.

Pulsa para ver más contenido para ti