Síguenos en redes sociales:

Algo que declarar

Alberto Lema

Moraima

A guerra contra o galego formou parte da estratexia de asalto á Xunta de Galicia do PP de Feijóo quen, para esta santa cruzada, recrutou elementos de dubidosa procedencia, como foi o caso de Gloria Lago, continuadora dunha liñaxe de intoxicadores profesionais que, mudando o metílico paterno pola falacia da imposición do galego, semellaba continuar unha especie de tradición familiar e gremial. Que este pobo vote maioritariamente por unha facción do máis rancio españolismo centralista revestido co traxe dun rexionalismo paifoco e submiso é un feito que non lle outorga ao PP de Feijóo carta branca para destruír o galego. Así llo fixo saber recentemente o Consello de Europa nun informe que deixaba claro con contundencia que o seu Decreto de Plurilingüismo supón unha ameaza para a supervivencia da lingua propia de Galicia. Por suposto, como en tantas outras ocasións, Feijóo escoita só o que lle convén, e o rapaz dos Peares converteu a educación pública na instancia desgaleguizadora que hoxe é. Por certo, outro tanto sucede co Plan Eólico de Galicia que incumpre toda a norma comunitaria do sector, como sinalaba o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na súa histórica sentenza contra o megaparque do Iribio, e a min isto faime comprender que existe unha coherencia entre un feito e o outro: os pobos que non saben defender a súa cultura, como van saber defender o seu territorio e os seus recursos?

A defensa do galego queda, pois, nas mans miúdas e moitas diso que chamamos pobo. En mans como as de Moraima, a rapaza compostelá que se asombraba polo feito de que Siri, o cyborg de Apple que atende as nosas pregarias, non saiba falar galego. A pregunta inocente de Moraima é a mesma que nos fixemos moitos outros antes ca ela a unha idade semellante e expresa a desolación da rapazada criada nun entorno monolingüe en galego ao bater cunha realidade dominada absolutamente polo castelán. O éxito do vídeo de Moraima foi tal que houbo quen se apurou desde a Xunta a anunciar que xa estaban en xestións para que Apple inclúa o galego no catálogo das linguas que coñece a políglota Siri. A isto retrucoulle con o pai da rapaza, Jorge Duarte, dicindo que a Xunta ben podería empezar por protexer o galego alí onde ten competencias directas e exclusivas na materia, como no ensino público, e deixar o ámbito privado para máis tarde. Ben falado.

Entre os episodios grotescos da última política madrileña estivo a fichaxe de Toni Cantó para defender seica o castelán. Descoñecemos de quen precisa defensa o castelán en Madrid, pero está claro que á dereita española o discurso sobre a súa suposta exclusión sempre lle resulta rendible en termos electorais. Esta estratexia de vitimización lévana empregando os imperios desde sempre, e forma parte do argumentario cínico que precede a invasión dun país menor. Pero nós contamos coa verdade e cos poetas, como Celso Emilio, da nosa parte: Digo Moraima cando a noite é pechada. Digo Moraima e ponse a luz en marcha.

Pulsa para ver más contenido para ti