Síguenos en redes sociales:

Informes xurídicos e vontade política para acabar cos restos do franquismo

O Instituto José Cornide presentaba un informe, encargado polo Consello Municipal da Memoria Democrática da Coruña e que o Goberno municipal secuestrou durante un ano, para a eliminación de 14 rúas, entre elas as de significados franquistas como Alfonso Molina Brandao, Pedro Barrié de la Maza e Sergio Peñamaría de Llano.

Hai que facer unha valoración positiva dese informe, coordinado por persoas de prestixio recoñecido como Ana Romero e Luis Lamela, porque está documentado e acaba co mito de “coruñeses exemplares” que tiveron durante moitos anos persoas que destacaron polos seus servizos á ditadura franquista e, nalgúns casos, tamén pola súa participación na represión.

É un primeiro informe porque a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) sinala 30 rúas para eliminar, entre elas, a do ditador e golpista Miguel Primo de Rivera (xa estaba no voto particular que presentaba Ana Romero, cando na Comisión de Expertos aprobamos por unanimidade a eliminación de 52 símbolos franquistas en 2009); crego José Toubes, colaborador na represión. Monte Alto ten que recuperar as rúas Liberdade, hoxe Disciplina, e Progreso, hoxe Salgado Somoza. José Martínez Fontenla, dirixente republicano debe recuperar a súa rúa, hoxe Del Palomar. Por outra parte, deberían cambiar as rúas de todas e todos os alcaldes da ditadura, como fixeron, por exemplo, PNV e PSOE en Bilbao, ou en Cádiz co voto de Adelante Cádiz e PSOE no Pleno do pasado 26 de novembro. Se Barrié perde a rúa, habería que cambiar tamén o dique de abrigo, que leva o seu nome.

Quedan aínda por concretar a eliminación polo concello da Coruña de retratos (20), distincións honoríficas (28), escudos, placas, esculturas e monumentos (27) centros de ensino (3) que, segundo a CRMH, sumarían 108 restos do franquismo.

Sobre o tema do período de aplicación da Lei de Memoria Histórica, xa temos experiencias anteriores. Na citada Comisión de Expertos, na que participaron Ana Romero e Luis Lamela, e en aplicación da citada lei, acordamos retirar a Millán Astray a distinción de Fillo Predilecto, concedida o 2 de agosto de 1922 pola súa relación coa Lexión. A filla recorreu este acordo municipal e gañou en primeira instancia en 2011, co argumento de que 1922 quedaba fóra do período de aplicación da lei, que entendían era a partir de 1936. Unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acababa con este debate en marzo de 2013 e avaliaba a decisión municipal de retirar a Millán Astray a rúa, escultura, placa e distincións. Oviedo tamén retiraba a Francisco Franco Bahamonde en 2016 a distinción de Fillo Adoptivo concedida en 1934.

Considero que para tomar unha decisión “con rigor histórico e legal”, como declaraba a alcaldesa Inés Rey, o PP debería pedir os informes necesarios sobre Miguel Primo de Rivera a Cuca Gamarra, actual portavoz do PP no Congreso que, cando era alcaldesa de Logroño, cambiou a rúa deste militar golpista por Ateneo Riojano. O PSOE tamén podería pedir informes a súa organización en Ferrol que, con alcalde socialista, eliminaba en 1981 a rúa Miguel Primo de Rivera, ou a Zaragoza que con alcalde do PSOE e a petición de UGT cambiaba o Parque Miguel Primo de Rivera por José Antonio Labordeta.

Sobre José Calvo Sotelo, tamén Cuca Gamarra podería explicar o cambio da rúa José Calvo Sotelo en Logroño por Presidente Leopoldo Calvo Sotelo. En Curtis, alcaldía do PP, cambian en Teixeiro a rúa Calvo Sotelo por Buenos Aires. E o PSOE cambiaba en Marín a rúa Calvo Sotelo en 2010 por Concepción Arenal. Todo isto en cumprimento da Lei de Memoria Histórica.

Queda claro que PSOE e PP non necesitan na Coruña informes xurídicos para acabar cos restos do franquismo, senón vontade política.

*Manuel Monge González é sociólogo, membro do grupo de traballo da CRMH da Coruña para a eliminación dos restos do franquismo.

Pulsa para ver más contenido para ti