Síguenos en redes sociales:

A propósito dunha homenaxe

Deu ultimamente a RAG (Real Academia Galega) nunha doada e fácil política de efemérides onde se zorregan homenaxes a pote, a vivos, mortos e moribundos. No ronsel desta actitude agasalleira acaba de ser convocado un acto público na honra do profesor Xosé R. Barreiro Fernández do que deu cumprida noticia a prensa do pasado domingo. Todos os que o temos tratado sabemos do seu carácter refractario a honores e louvanzas que rexeitou en non poucas ocasións. A súa constelación de saberes estivo sempre cimentada no traballo e no silencio da súa extensa biblioteca, que lle proporcionou constante e fecundo diálogo.

Polo demais o convite electrónico difundido para o evento, semella un tarxetón rectangular onde ocupa a parte esquerda do mesmo un retrato ao óleo do homenaxeado en exposición permanente no salón da Academia. Na parte dereita, o titular, en corpo maior Homenaxe da RAG ao Académico e profesor Xosé R. Barreiro Fernández para a continuación especificar o desenvolvemento do acto: Apertura institucional (Real Academia Galega, Universidade de Santiago, Consello da Cultura Galega), O meu Barreiro [sic] (Ramón Villares), A obra de Barreiro na voz dos seus discípulos (Pegerto Saavedra, Xosé R. Rodríguez Lago, Ana Romero Masiá, Emilio Grandío Seoane), Actuación musical (Margarida Mariño).

Dado que o devandito programa, como antetexto do acto forma parte do discurso da entidade convocante, permitímonos unha serie de consideracións ao respecto. Así, sorprende gratamente, en primeiro lugar, a contrastada valía intelectual de todos os profesores convocados para intervir na homenaxe, que compartiron espazos de cercanía, non sempre de amizade, co profesor Barreiro. Non pode ser doutra maneira xa que non sería razoable deixar a vida dun sabio nas mans dos xuízos de necios. Mágoa do preocupante título dunha intervención (O meu Barreiro), convenientemente singularizada, que amosa certa descortesía ao anticiparse posesivamente ao homenaxeado.

Sorprende tamén, e non gratamente, que non se mencione a condición de expresidente da RAG de Xosé Ramón Barreiro, cargo que lle permitiu anovar a institución con xeral recoñecemento. Esta omisión anticipa unha certa opacidade, unha especie de resignación e renuncia a que unha importante faceta do homenaxeado se escape da mirada que se vai proxectar sobre a súa obra. Lembremos que Barreiro, desde o ano 1998 ata 1910, primeiro como tesoureiro e despois como presidente, emprendeu unha profunda renovación da RAG: procurou un presuposto, renovou os estatutos, catalogáronse os fondo documentais, hemerográficos e bibliográficos, dotouna dun regulamento de funcionamento como servizo público, numerosos actos simbólicos visibilizaron a institución que comezou a ter presencia doada na sociedade, logrou un pacto ortográfico e non deixou de significarse na defensa do idioma diante dos poderes políticos.

Observamos outra omisión relevante: que na denominada “apertura institucional” se relacionan unicamente as institucións e non está personalizada a representación. Esta velada presenza das autoridades porén ten outras motivacións ao noso entender: evitar que comparezan xuntos, por orde de aparición como nas mellores representación teatrais, os nomes de Víctor Freixanes, Rosario Álvarez e Ramón Villares, representantes no seu día de Galaxia, do ILG (Instituto da Lingua Galega) e do Consello da Cultura Galega, respectivamente, institucións moi presentes no estoupido da RAG ocorrido en 2013 cando a Academia “estaba a ser oída, cando trascendera os lindes do academicismo e acadaba unha repercusión cívica” seguindo a estela marcada por Barreiro. Xuntar os tres nomes devanditos, que hoxe representan xa outras institucións, permite visibilizar tamén o afán colonizador e de vocación ocupacional de institucións que estes tres nomes simbolizan como representantes do máis rancio piñeirismo. Moi eloxiable o pudor demostrado, evitando xuntar arredor de Barreiro os devanditos nomes, “especialistas na arte de dividir e encirrar”; por certo que Barreiro advertiu daquela manobra moito antes de ser executada.

Xosé Luís Axeitos é numerario da Real Academia Galega

Pulsa para ver más contenido para ti