Síguenos en redes sociales:

algo que declarar

Alberto Lema

Pegasus

Who controls the control men? Repite de maneira obsesiva o Pistol Poem n.º 2 de William Burroughs, o escritor do Almorzo espido e de Ionqui. Quen controla o home do control? Os grandes poetas son capaces de sintetizar en poucas palabras a angustia do home contemporáneo ante a autonomía dos aparellos do estado e os seus sumidoiros. “Vivo nun estado de dereito!”, clamaba tamén Joseph K. cando unha parella de policías foi sacalo da cama para informalo de que fora acusado dun crime misterioso nas páxinas iniciais d’O Proceso, a novela, xenial como todas as súas, que segundo a interpretación clásica, predixo a chegada do totalitarismo nazi ou ben, segundo os lectores teolóxicos, o xuízo arbitrario de deus e dos maxistrados auxiliares na tradición hebraica. En todo caso, Burroughs e Kafka veñen expresar algo semellante cada un á súa maneira: a emancipación da máquina-estado do control democrático, é dicir, Pegasus.

Que debe facer un estado cando lle declaran a independencia? Preguntábase retórica hai escasamente unha semana a inefable Margarita Robles, tratando de xustificar así o inxustificable: a vulneración dos dereitos fundamentais —opinión, reunión, expresión— que asisten aos independentistas en virtude da separación de dereitos e da separación de poderes que, en teoría, impera no estado español, aínda a pesar da vixencia de leis de excepción, como a Mordaza, aínda pendente de derrogación. A ministra leonesa non debía esquecer que un episodio semellante de escoitas non autorizadas acabara custándolle a dimisión no 95 ao vicepresidente do goberno Narcís Serra; o ministro de Defensa, García Vargas, así como á cúpula do CESID, Manglano e Perote. Sucede, iso si, que hai 28 anos, os espías escoitaban a persoa equivocada, o Emérito, o que explica que Serra fose recibido no Congreso con berros de Mata-Hari, mentres que Robles, que espiaba as persoas correctas, os indepes, é defendida estes días pola dereita co mesmo ardor que merecería un dos seus.

O guión complícase coa reviravolta da auto-espionaxe. A primeira vista, semella certificar o tantas veces denunciado desde a esquerda: a autonomía dos aparellos de seguridade do estado: sumidoiros, policía patriótica, Kitchen, Villarejo. E, ata certo punto, pode funcionar como atenuante dos cargos imputados a Robles, que pasa da categoría de presunta prevaricadora á de inepta conspicua, de culpable a vítima. Nós pensamos máis ben que o descontrol patente do que acontece na súa área de goberno debería constituír unha razón máis para a dimisión inmediata da ministra. Unha que se engadiría á vulneración dolosa do dereito á intimidade de concidadáns de tendencia separatista que, por certo, son os mesmos que veñen de aprobarlle os orzamentos e o plan de rescate ao goberno.

–Pero eu non son culpable —dixo K—. É un erro. Como un home pode ser culpable, así, sen máis? Escribiu Kafka en 1915 mentres asistía ás continuas derrotas do exército austríaco na I Guerra Mundial e ao esfarelamento dun imperio, o Asutro-Húngaro, onde agromara en todo o seu esplendor a cultura xudía en lingua alemá. En 1933, ardía o Reichstag.

Pulsa para ver más contenido para ti