Síguenos en redes sociales:

Algo que declarar

Alberto Lema

Éire saor

“A terrible beauty is born” escribiu W. B. Yeats no seu poema Easter, datado en setembro do 16, poucos meses despois do Levantamento de Pascua, bautismo de fogo do aínda mozo republicanismo irlandés e revolta onde perdeu a vida James Connolly, pioneiro na síntese de socialismo e nacionalismo en Europa occidental e teórico de referencia do Sinn Féin deica hoxe, cando contamos case exactamente cen anos desde a independencia parcial de Irlanda, datada en 1921.

Xa van ficando atrás, envoltos nas brétemas do castelo de Stormont, os nomes de Martin McGuiness e Gerry Adams, líderes históricos do IRA e do Sinn Féin, signos do tempo dos troubles e do Bloody Sunday, dunha longa loita que coroaron pola vía democrática dúas mulleres: Michelle O’Neill e Mary Lou Mac McDonal, os nomes da candidata e a presidenta do partido que gañou as eleccións o pasado domingo en Irlanda. Vivimos o tempo das mulleres ou, cando menos, o final da política patriarcal, aquela iniciada nas sociedades secretas dos fenianos a mediados do XIX, na que os seus membros xuraban pola súa vida loitar deica á morte pola independencia de Irlanda. Préstamos ou imitacións do blanquismo francés e dunha tradición insurreccional, a súa propia, na que, cada cincuenta anos máis ou menos e durante oitocentos, unha revolta estremecía os cimentos do dominio inglés. Nunha delas, coruñeses, o chieftain Red Hugh O’Donnell acabaría arribando ás nosas costas tras ser derrotado na Guerra dos Nove Anos, seguindo a ruta inversa dos milesians, os fillos de Mile que segundo o Lebor Gabala Érenn, o Libro das Invasións, colonizaron a illa verde partindo desde a nosa terra. Pero disto falaremos a semana que vén.

Chega o Sinn Féin ao goberno irlandés por fin e faino, en parte, debido ao fracaso do modelo neoliberal que goberna desde hai décadas a política económica irlandesa da man do Fianna Fáil e que tornou a vivenda un artigo de luxo. Un modelo de crecemento explosivo, o do tigre celta, baseado nas súas políticas de dumping fiscal que fixeron da illa un paraíso para multinacionais norteamericanas, como Apple, Starbucks ou Amazon, que se instalaron alí mediante filiais cotizando a metade que no Continente. Mellorar os servizos públicos, cun programa moi ambicioso de construción de vivenda pública, vai implicar necesariamente coutar esta política de exencións fiscais.

A outra gran liña política será a da recuperación da unidade da Illa que deu lugar, o día despois da independencia, á Guerra Civil entre os partidarios e os contrarios, De Valera e Collins, dun acordo que excluía os seis condados do norte, e lugares míticos como Belfast, Derry ou o Bogside. A patria irredenta de Bobby Sands. Prestaranos ver como manobra a Unión Europea —no ronsel do Brexit e dos problemas coa fronteira terrestre de Irlanda do Norte, o backstop— ante os debates que se aveciñan. Aposto que tomará partido polo orangismo e o mantemento do status quo cos argumentos do pragmatismo político. Resultaralles sempre terrible a beleza dos pobos que loitan pola súa liberdade.

Pulsa para ver más contenido para ti