Síguenos en redes sociales:

Algo que declarar

Alberto Lema

O goberno da nave

Agora que está de moda entre nós a intelixencia artificial é un bo momento para evocar aquela obra mestra Stanley Kubrik que foi 2001: Unha odisea no espazo, baseada nunha novela precedente de Arthur C. Clark que anticipaba boa parte dos debates en curso sobre deontoloxía aplicada á intelixencia artificial, é dicir, sobre os límites de autonomía que os humanos lles debemos impor ás máquinas, e que máis tarde Asimov habería resumir nas súas famosas tres leis da robótica que se poden nunha soa: os robots non deben danar os humanos.

Lembremos: durante a súa viaxe a Xúpiter, os dous tripulantes humanos espertos da nave Discovery I descobren que o supercomputador que os asiste durante a misión, HAL-9000, dotado de intelixencia artificial, comete erros inesperados. Nunha escena icónica —que amosa como o silencio, a luz e a cor branca poden transmitir máis terror que a escuridade e os ruídos repentinos— os dous tripulantes humanos reúnense nun cuarto insonorizado para debater o que facer con HAL. A máquina, que non pode escoitar a súa conversa, é capaz, porén, de espialos léndolle os labios desde a escotilla e de enxergar o que pretenden facer: desconectala. A partir dese momento, HAL —un acróstico feito coa letra anterior de IBM— os tripulantes humanos e a máquina libran unha loita a morte pola supervivencia.

O que contemplamos estes días, co choque entre o Constitucional e o lexislativo, resúltanos unha manobra idéntica á de HAL cando pretendía arrebatarlle á tripulación humana o goberno da nave. Un goberno que nos dous casos, no de HAL e do Constitucional, implicaba, ademais, a súa desactivación temporal, como os dispositivos fanados que son, e renovación inmediata. A reacción do Constitucional foi, tamén, idéntica á de HAL: tratar de coutar por todos os medios as tentativas do lexislativo para a súa renovación, aínda que iso supuxese, a efectos políticos, o equivalente pola vía institucional a un golpe de estado: impedir a celebración dunha sesión das Cortes, a deliberación e toma de decisións que teñen encomendada como depositarias da soberanía popular.

A máquina estatal, controlada nos seus órganos máis sensibles por unha dereita estamental que se considera a si mesma elixida pola Providencia para a dirección do estado, reaccionou así fronte a un poder lexislativo elixido nas urnas que considera ilexítimo, polas alianzas antinatura do goberno, e transitorio, sen pararse a considerar minucias tales como a súa falta de lexitimidade democrática ou a separación de poderes. Vemos saltar hoxe as costuras do 78 cando se atravesan certas liñas vermellas non escritas en ningures, como a cuestión territorial con Cataluña ao fondo, ou o control da máquina estatal, propiedade duns poucos por dereito de herdanza.

Ante esta situación, cómpre lembralo no futuro, Feijóo non deixou en ningún momento de alentar a actuación golpista do Constitucional, non porque proceda dunha tradición falanxista ata o de agora ben agochada, senón simplemente porque para el a conquista do poder xustifica todos os medios, mesmo o lawfare máis descarnado, como ben sabemos en Galicia desde o 2009.

Pulsa para ver más contenido para ti