Síguenos en redes sociales:

Exilio e discurso político (V): ‘Galicia Emigrante’

Na revista Galicia Emigrante (1954-1959) conflúen todas as controversias e problemas do exilio galego. Ao longo dos seus 37 números hai un constante debate político que non excluía numerosas colaboracións literarias que chegaban dunha parte e outra do Atlántico.

Esta circunstancia posibilita dúas lecturas distintas da publicación, promovida e dirixida por Luís Seoane: unha lectura en clave política, máis encriptada, e outra en clave cultural, branca e branda, apta para ser mastigada por todos os públicos. Esta última opción é a que ofrece, por exemplo, Fernández del Riego no seu desafortunado prólogo á edición facsimilar que nos ofreceu a benemérita ediciós do Castro en 1994 onde se escamotea o discurso político: a revista, di o prologuista, é continuación cultural de Céltiga, é espello e vida dos emigrantes galegos, ten Galicia como centro etc.; destaca tamén a variedade de temas e colaboradores, a defensa do idioma; e non lle pasa desapercibido ao respectado e admirado don Paco “o adobío gráfico da revista” onde é perceptible a presenza do seu director.

En definitiva, queda excluído, unha vez máis, o discurso político da publicación, obxectivo principal do seu promotor que manifesta no editorial do número 1 (xuño de 1954) a súa lealtade permanente ao plebiscito de autonomía de Galicia celebrado o 28 de xuño de 1936 e remata no último editorial (nº 37 de maio de 1959) analizando a vida da revista como popular, republicana e autonomista. Abondan estes editoriais de Seoane para certificar a firme vontade política da revista, resonancia dos moitos conflitos do exilio galego, en gran parte derivados da constitución do Consello de Galiza en 1944 por iniciativa dos deputados galegos nas Cortes republicanas Castelao, Suárez Picallo, Elpidio Villaverde e Alonso Ríos. Pretendían ser fideicomisarios da legalidade republicana violentada polo franquismo.

Esta inicitiva foi duramente contestada polo piñeirismo que o calificou como “tinglado” e cuestionou o papel de Castelao, renunciando ao mesmo tempo á reorganización do partido Galeguista refuxiándose nun culturalismo que aínda está a padecer Galicia actualmente. Esta é unha das liñas combativas da revista que, por momentos encárase co piñeirismo e cos emigrantes do Centro Galego que actúan como interlocutores seus en Bos Aires. Un intento de solucionar estas discrepancias xa despois da morte de Castelao será o Primeiro Congreso da Emigración Galega celebrado en Bos Aires en 1956. Da organización e propostas do Congreso quedan marxinados un grupo de exiliados, entre os que está Seoane, que como resposta crean a denominada Agrupación Galega de Universitarios, Escritores e Artistas (Aguea), que será presidida por Antonio Baltar e da que forman parte Eduardo Blanco Amor, Rafael Dieste ou Ramón Valenzuela, todos sen filiación partidista pero moi conscientes da situación que están a vivir. Esta Agrupación, que non asociación, non terá moita vida fóra das páxinas de Galicia Emigrante pero protagoniza unha das fotos emblemáticas do Congreso cando os seus membros son convidados a intervir por mor da reivindicación de Lois Tobío e son fotografados diante do café Tortoni xunto cos exiliados doutros países que representan a pluralidade e espírito crítico do nacionalismo galego, conxurados contra da claudicación política do piñeirismo de Galaxia.

Como consecuencia destes desencontros, Galicia Emigrante revisará o concepto de emigración piñeirista en sucesivos editoriais e artigos, exhumará o espírito reivindicativo do protonacionalismo e do rexionalismo mediante unha serie de traballos dedicados a Sarmiento, Feijoo, Puente y Brañas, Murguía, Basilio Álvarez etc. totalmente postergados en Galicia por non encaixar na súa tendencia apolítica.

Unha liña de colaboracións de temática económica, a cargo de Díaz Pardo e de Valentín Paz Andrade, é motivo para criticar o denominado Plan Galicia e poñer o acento nos recursos galegos exportados ao resto de España.

Teñen tamén especial tratamento os grandes mitos do exilio republicano, Valle, Picasso, María Casares ou Antonio Machado sen esquecer a participación e lembranza, claro está, de Castelao, Villar Ponte, Viqueira etc. totalmente silenciados no ámbito piñeirista.

Para combater a tendencia elitista e humanista de Galaxia manteñen unha liña de continuidade exaltando a cultura popular de alfareiros, ceramistas, carpinteiros de ribeira, que manteñen unha liña de continuidade histórica e popular postergada nas publicación do piñeirismo. Coinciden con Galaxia na exaltación do idioma e da literatura con colaboracións compartidas. Todas estas tensións non presentes na revista e non sinaladas polo prologuista, eran coñecidas mediante confidencias epistolares, por don Paco que, sen adentrarnos nas súas intencións, preferiu silencialas conscientemente.

Pulsa para ver más contenido para ti