Síguenos en redes sociales:

A etapa política de Murguía

Aínda que se sentiu na obriga de exercela durante toda a súa vida, a etapa decididamente política de Murguía, vivida intensamente, é a que vai de 1886 ata 1906, tomando como referencias simbólicas deste período os Xogos Florais de Pontevedra e a constitución da Academia, respectivamente. Temos como proba incuestionable deste proceso político que o discurso de Murguía a partir de 1886, liberado do lastre da erudición e do prurito científico da filosofía da historia, faise máis áxil e dialéctico acolléndose a formulas ensaísticas e persuasivas máis breves e operativas comunicativamente.

Este cambio sustancial na súa traxectoria prodúcese cando se decata, igual que outros intelectuais europeos, que non é posible conseguir certas cousas necesarias sen a actividade política; o nacionalismo deixa de denominarse eufemisticamente “principio de nacionalidade” e desembarca na area política, animado pola novidosa tendencia a definir a nación en termos étnicos e lingüísticos. Por outra parte, Murguía sabe da súa pertenza a unha minoría intelectual que escribe e le galego pero non ten apenas contacto coa xente que o fala. Romper ese illamento, esa barreira, pasa necesariamente pola política e como consecuencia créanse a Lliga de Catalunya (1887) que se transforma algo máis tarde en Unió Catalanista (1891), a Liga gaélica (1893) en Irlanda, o Partido Nacionalista Vasco (1894), e tamén o Partido Rexionalista (Santiago,1890) en Galicia que se presenta como Rexionalismo, termo máis ambiguo pero que non o libra da demonización e dos ataques centralistas e negadores da diversidade.

Tarda Murguía varios anos en esbozar un programa concreto, temeroso das discrepancias e das posibles desercións que poidesen provocar estas nos diferentes comités rexionalistas que se forman ao longo dos anos 1890-1892. Entre as mesmas voces que piden concreción e programa ao seu Presidente tamén se escoita, seguindo unha longa tradición reivindicativa, a reclamación dunha Academia que se encargaría de establecer a norma léxica e gramatical (da que carece aínda actualmente a RAG e que non era preocupación central para Murguía). E será, efectivamente, no contexto destas preocupacións que xurda a Academia como un elemento máis do discurso político do momento. É así que se comezan a formar os primeiros comités rexionalistas que callan nun programa reivindicativo moi preocupado, nomeadamente, pola ausencia de institucións propias e polo territorio.

Se analizamos este programa vemos que para Murguía, o principal ideólogo do rexionalismo, aínda non estaba absolutamente vinculada a causa da nación coa defensa do galego. A idea de Murguía neste momento político seguía a ser reforzar os argumentos que posibilitasen a consideración de Galicia como nación fronte doutros rexionalistas que vían na Academia un instrumento para acadar a normativización do galego.

Adoita presentarse a actividade política do rexionalismo como un fracaso sen ter en conta a herdanza que aínda hoxe pervive na memoria do país.

A política de memoria que realizaron Murguía e o rexionalismo nesta etapa, adiantándose ao concepto académico que acuñará Pierre Nora un século máis tarde, representa un fecundo esforzo da burguesía intelectual galega que nos brinda un discurso sobre o pasado ao servizo de obxectivos de futuro. Neste senso, algún son lugares de memoria simbólicos —himno, bandeira e escudo—, outros son funcionais —a Academia e o dicionario que intenta— e outros materiais, traslado de Rosalía e Panteón de Galegos Ilustres ou o monumento aos Mártires de Carral. Un legado fecundo consciente de que as nacións sen estado teñen a necesidade de preservar a súa historia nos sucesos simbólicos que como illas, emerxen dun naufraxio secular.

Pulsa para ver más contenido para ti