Do 11 ao 24 de setembro celebrarase o FICBUEU 2022, que concederá o Premio Cinema Galego ao actor Miguel de Lira. Miguel Domingo García rebautizouse en homenaxe aos seus orixes na parroquia de Santa María de Lira, no concello de Carnota. Este galardón recoñece cada ano a traxectoria na industria audiovisual galega de profesionais do sector. Anteriores premiados foron Alfonso Agra, Antonio Durán Morris, Mabel Rivera, Luis Zahera ou Melania Cruz.

Xa nos seus estudos universitarios, Miguel de Lira entrou en contacto co mundo central e foi un dos fundadores do grupo Chévere (Premio Nacional de Teatro en 2014), no que traballa como director, actor e produtor desde 1986. Tres anos despois debutou na TVG no programa de humor Velaí…. e no cinema coa película Urxa.

A súa longa traxectoria en televisión inclúe Mareas Vivas (celebérrimo Evaristo Currás), Pepe o inglés, Los hombres de Paco ou Matadero. Tamén interpretou filmes televisivos como Entre bateas, Crebinsky ou Eroski Paraíso.

No cinema participou en máis de vinte longametraxes: Cuñados de Toño López, Ons de Alfonso Zarazuza, Dhogs de Andrés Goteira ou A esmorga de Ignacio Vilar.

O seu palmarés inclúe tres premios a Mellor Actor nos Mestre Mateo dun total de seis nominacións en diferentes categorías, ademais doutros galardóns.

O Premio Cinema Galego do FICBUEU 2022 obedece segundo á organización do certame “á súa prolífera traxectoria, ademais de polo seu compromiso e a súa dedicación por e para a cultura e a sociedade de Galicia”.

O actor Miguel de Lira participará nesta XV edición do FICBUEU nun encontro co xornalista e produtor Gaspar Broullón, no que repasará a súa carreira. Esta conversa estará dispoñible en liña despois do festival a través da Canle FICBUEU.