Síguenos en redes sociales:

Ledicia Costas presenta a súa primeira novela para adultos no 'Zigzag'

O libro 'Infamia' é un 'thriller' psicolóxico onde nada é o que parece

O programa Zigzag contará hoxe coa presenza de Ledicia Costas, unha das escritoras máis recoñecidas e traducidas da literatura galega, que debuta na novela para adultos con Infamia, un thriller psicolóxico onde nada é o que semella. Nesta historia de amor, odio e loucura, Costas é quen de explotar o máis recóndito da alma humana, ofrecendo unha novela de ritmo vibrante, poderosa e aditiva. Os espectadores tamén se poderán achegar ao novo libro de Clara do Roxo, que acaba de presentar Actrices secundarias, obra coa que foi finalista do Premio Torrente Ballester 2018. É a historia dun home e unha muller que, como tantos milleiros, emigraron a América e formaron unha familia. Pero, sobre todo, é a historia de catro mulleres que asumiron, cada unha de xeito diferente, o seu papel secundario, un chanzo ou varios por debaixo do papel principal reservado só aos homes.

Outra das protagonistas será Elena Colmeiro, precursora da escultura cerámica en España. A artista foi unha innovadora, unha investigadora de novas linguaxes e materiais, creando unha obra moi persoal, fóra de calquera convencionalismo e estereotipo. A exposición Construíndo cos materiais reúne obra súa practicamente inédita en Vigo, a cidade onde expuxo por primeira vez en España, hai máis de 60 anos.

Finalmente, o espazo da tvG2 presentado por Pilar G. Rego volverá co poeta Xerardo Quintiá a Friol, a súa vila natal, escenario da súa infancia e da súa poesía.

Pulsa para ver más contenido para ti