Síguenos en redes sociales:

A Xunta superará este curso os 160 centros de ensino no programa Radio na Biblio

A Xunta de Galicia prevé superar este curso os 160 centros educativos integrados no programa Radio na Biblio. Para iso, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades ten aberto o prazo para que 30 novos centros se incorporen a esta iniciativa, que ten como obxectivo promover a creación de emisoras-laboratorios nas bibliotecas escolares co fin de favorecer proxectos de educación das competencias informacionais e mediáticas do alumnado.

Poderán participar na convocatoria os centros públicos de Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato ou FP integrados no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares. A dirección do centro será a responsable de presentar a solicitude.

Os centros que se incorporen ao programa recibirán unha asignación dun máximo de 2.000 euros. Este orzamento destinarase a crear a emisora. No caso dos 138 centros escolares que xa contan cun laboratorio de radio no marco desta iniciativa, percibirán 500 euros cada un para a realización de obradoiros de formación específica, en materia técnica para o funcionamento da emisora de radio, a elaboración de producións radiofónicas ou o desenvolvemento de competencias mediáticas a través da radio ou sobre lectura expresiva ou mellora da expresión oral. Tras cinco convocatorias de Radio na Biblio, obsérvanse excelentes resultados pola motivación que supón este medio para o alumnado e as oportunidades que abre para as bibliotecas á hora de ampliar e diversificar o tipo de proxectos de carácter interdisciplinario.

Pulsa para ver más contenido para ti