Síguenos en redes sociales:

Amazon Prime estuda coa Xunta aumentar no seu catálogo produtos en galego

O primeiro será crear unha listaxe de filmes a partir das obras na Filmoteca de Galicia

Amazon Prime estuda coa Xunta aumentar no seu catálogo produtos en galego. Como primeiro paso, acordaron a elaboración dunha listaxe de filmes en versión orixinal galega a partir das obras depositadas na Filmoteca de Galicia.

O conselleiro de Cultura, Educación FP e Universidades, Román Rodríguez, reuniuse co xefe de Contidos de Prime Video España, Ricardo Cabornero, para abordar vías de colaboración conxunta dirixidas a aumentar a inclusión de producións audiovisuais en galego na plataforma.

Na xuntanza tamén participaron o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; a subdirectora da Secretaría Xeral de Política Lingüística, Lourdes Batán, e a responsable de Relacións Institucionais de Prime Video, Chelo Abarca.

Ao encontro incorporáronse así mesmo Mamen Quintas e Julio Casal, produtores executivos de Ficción Producciones, cos que se valorou o éxito de difusión que están a ter as series desta produtora compostelá dispoñibles xa actualmente no servizo de streaming de Amazon. Esta alianza, que se iniciou en xaneiro de 2021 con 3Caminos, a grande aposta audiovisual da Xunta de Galicia para a promoción do Xacobeo e do Camiño de Santiago, continúa con outros títulos como Una historia de crímenes e as dúas temporadas de Operación Marea Negra, proxectos todos eles apoiados tamén polo Goberno galego.

Rodaxe na Coruña

Precisamente, esta última serie recibiu 350.000 euros da Administración galega para a súa gravación. A rodaxe transcurreu en localizacións da Coruña, Santiago, Vigo e a ría de Arousa. Na dirección, contou con Daniel Calparsoro máis Igor Legarreta, ademais dos guións de Patxi Amezcua e Natxo López.

Desta vez, o protagonista non é Álex González senón o chileno Jorge López. Nesta segunda tempada, a acción parte dende o punto no que Nando, o rapaz galego que capitaneara o narcosubmarino, agarda sentencia no cárcere.

Pulsa para ver más contenido para ti