Os políticos, nestes momentos, están encerellados nas eleccións. Xa non saben que ofrecernos e que dicirnos.

Todos e cada un míranse nos datos das enquisas calculando o que teñen que dicir, a súa experiencia indícalles que o demais virá por se só.

En todo este armazón estamos os que temos que votar, tócanos decidir a quen, pensando no que temos e o que debemos facer. Alguén dixo: "Estar preparados es importante, saber esperar lo es aún más, pero aprovechar el momento adecuado es la clave de la vida" (Arthur Schnitzler). Aproveitemos o momento, apartémolos das nosas decisións e sexamos congruentes. Esperemos con paciencia a ver que é o que realmente nos ofrecen uns e outros e, entón, decidamos a quen votar. A congruencia é boa conselleira e debe estar ligada aos nosos intereses. É a que debe aconsellarnos. Os que están parados deben ser consecuentes e votar a aqueles que lles ofrecen alternativas que melloren o que temos, os que están desafiuzados aos que propoñan medidas encamiñadas a que isto non suceda. En definitiva temos que pensar que sempre que elixamos unha opción esta deberá estar moi preto das nosas referencias e intereses.

O noso futuro é a clave da nosa vida, por tanto, temos que esperar, analizar, e sobre todo profundar naquilo que uns ou outros van executar. Non nos esquezamos de que "cuando un hombre estúpido hace algo que le avergüenza, siempre dice que cumple con su deber" (Bernard Shaw).

Non debemos esquecernos de que somos os que os eliximos e temos un porqué para decidir, en xeral, consecuente con aquilo polo que loitamos: benestar, igualdade... Aproveitemos o momento e actuemos en consecuencia.