Galardoada co Premio Nacional da Cultura de 2008, nominada como mellor artista de Europa e valorada como unha das mellores músicas por diversas revistas especializadas. Mercedes Peón conseguiu o inalcanzable para moitos, "e todo isto sen promoción nin multinacional", afirma a artista, que participa no ciclo Xacobeo Raíces.

-Pasou do colectivo ao solista. Que aporta a individualidade?

-A min, a individualidade apórtame na creación, sempre teño que partir de min mesma.

-É un sinónimo de madurez?

-Creo que todos somos individuos pertencentes a unha comunidade. É importante non esquecerse dun. Só hai que ter tino para saber que lugar ocupas no teu traballo e discernir se é o momento de ser individuo ou formar parte dun todo.

-Un músico debería pasar polas etapas de grupo e solista?

-As profesións dun músico son múltiples e variadas. Para o coñecemento e a asimilación hai que partir dunha mesma ocupación pero para ser quen de tocar obras a un nivel superior hai que acudir á constancia e á soidade. Se es un bo músico de estudo o que necesitas é ser preciso pero se es unha música intérprete das túas obras, tes que ser sincera para que trascenda.

-Que se agocha en Sihá, o álbume co que vai finalizar a xira?

-Os pensamentos, sensacións, emocións, protestas... que xurdiron en ano e medio antes de publicalo. Evidénciase un traballo de producción e de concepto sonoro en plena expansión, investigacións polirítmicas e case que un desenvolvemento metafísico dun pensamento musical. -En outubro estrea novo traballo. Que se atopará o ouvinte?

-Un xiro no tratamento da percusión cara conceptos electrónicos, e o proceso inverso, se tenta levar a electrónica a convivir co máis elemental e acústico. É un disco enérxico que non contará con colaboracións de xente recoñecida pero si moi interesantes para min.

-Apóiase na tradición musical pero a súa evolución é patente. Non están enfrontados ambos conceptos?

-Claro que si! A tradición non se fai, existe. Non se renova, evoluciona cara un mesmo senso con cambios insensibles, atraveso do tempo e sempre en comunidade. Non fago tradición. Son unha creadora que ás veces uso melodías ou códigos que aprendín da nosa xente querida, pero sempre en soidade.

-Síntese responsable do legado cultural que está contribuíndo a que non se perda?

-Estiven 25 anos recopilando música e bailes polas aldeas de forma altruista, pero todo o que se faga non vai contribuir a que a transmisión oral perviva. O único que a pode salvar é que se tome consciencia da importancia da vivencia... coma as froles silvestres...

-Defende cantar en galego. Esta elección implica renunciar á unha grande proxección internacional? -Non coñezo grupos galegos que canten en castelán ou en inglés que gocen deste privilexio. A través da gaita hai dous claros exemplos de proxección, Carlos Núñez e Xosé Manuel Budiño. É a través da palabra, creo que eu podo ser un exemplo da falta de prexuicio que hai internacionalmente cara as linguas minorizadas. Internacionalmente o que importa é a calidade e que aportes algo distinto ao panorama musical.

-A muller tamén é un colectivo que vostede apoia. Como ve a súa situación en Galicia?

-Moito mellor cá no resto de Europa. O noso imaxinario é moito máis igualitario e normalizado aínda que a relixión, a dictadura e as leis ata hai ben pouco non axudaban. Creo que os galegos poderiamos ser un exemplo para o resto de sociedades, moi avanzadas nas leis pero moi atrasadas no imaxinario.