A Cuarta Parede é o título da primeira revista dixital de cine escrita en galego, unha publicación na rede que editan Víctor Paz Morandeira e Eloy Domínguez Serén, amantes do sétimo arte e colaboradores activos en diversas publicacións. Ambos decidiron o pasado outubro, no marco do festival de Sitges, crear esta nova web para "encher un oco informativo sen ocupar, como é a promoción especializada dos nosos autores e circuitos de exhibición, na nosa lingua", explica Víctor Paz.

Na páxina -www.acuartaparede.com- traballarán ao redor de trinta colaboradores, entre os que se contan recoñecidos críticos como Jaime Pena -coordinador da programación do CGAI- ou cineastas da talla de Ángel Santos e Alberte Pagán. Os contidos do portal renovaranse cada seis ou sete semanas, "atendendo ás citas máis importantes do calendario cinematográfico", explican os seus creadores.

O principal foco de atención de A Cuarta Parede é o cine de autor de actualidade, aínda que Paz comenta que non se rexeitará "falar de temas máis atemporais que promovan un intenso debate fílmico".

A revista fai unha defensa "importante", segundo Paz, da lingua galega, aínda que os artigos poderán lerse tamén en castelán. No caso dos textos escritos por colaboradores con outras linguas maternas -portugués, catalán, asturiano-, existirá a opción de lelos tamén en galego e castelán, e de descargalos na súa versión orixinal -"un detalle pioneiro con respecto a outras revistas", dixo Eloy Domínguez na presentación da páxina web-.

O nome do portal de internet vén dun termo orixinariamente teatral que fai referencia a ese espazo conformado polo público que non ofrece a obra cinematográfica. En palabras de Víctor Paz, "a revista inxírese nesta dimensión a conquistar, tentando establecer un debate como mediadores entre a película e o público como parte integrante desta última comunidade".

Sobre a periodicidade desta nova publicación, os creadores cren que seis números ao ano serían "moi poucos para atender todas as citas fílmicas do país". Por esta razón, A Cuarta Parede terá oito números cada ano, aínda que non se descarta conseguir unha periodicidade mensual, dependendo do seu éxito.

Esta nova revista dedicará o seu espazo a comunicar ao público, principalmente, os traballos dos cineastas e programadores de Galicia. Paz explica que "por intereses persoais", tratarán só o cine de autor: "O noso propósito é crear un diálogo entre os axentes involucrados na profesión, ofrecendo unha ferramenta para que os investigadores, xornalistas ou cineastas poidan achegar as súas propostas", di Paz.

Haberá seis seccións na web, con reseñas de filmes, reportaxes, traballos de investigación e entrevistas. O apartado Found Footage -Metraxe atopada- presenta un punto novidoso, xa que remite a fragmentos de filmes que son atopados "case por azar, descubertos nunha antiga e abandonada bobina", comenta Víctor Paz.

José Manuel Sande -programador do CGAI-, Arturo Losada -xornalista- e Paulo Cunha -profesor de Historia na Universidade de Coimbra- son algúns dos nomes que colaborarán na páxina.