Manuel Rivas, por Todo é silencio, e Ana Romaní, por Estremas, foron os gañadores dos premios á mellor novela e o mellor poemario editados en 2010 da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), que entregou a noite do sábado os seus galardóns no transcurso da Cea das Letras.

Na categoría de literatura infanto-xuvenil gañou Marcos Calveiro co libro O pintor do sombreiro de malvas; no apartado de ensaio o premio foi para Pilar García Negro, pola súa obra O Clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo,e en teatro foi recoñecida Flores de Dinsinane, de Manuel Lourenzo.

En Ramón Nicolás foi recoñecida a mellor traxectoria en periodismo cultural; Marga do Val, pola tradución de Randea do alento', de Herta Müller; e Alfredo Ferreiro, polo mellor blog literario , El levantador de minas. Ademais destas categorías, no transcurso da cea entregáronse outros dous galardóns a petición da asemblea de socios da AELG, o premio Institución Cultural, que este ano foi para a Fundación Penzol, de vigo; e o Premio AELG 2011 Escritor Galego Universal, outorgado ao poeta leonés Antonio Gamoneda.