O VIII Festival de Cans celebra hoxe un dos seus días grandes coa estrea de Escuchando al juez Garzón, de Isabel Coixet, que finalmente non poido acudir ao certame porriñense. O coloquio sobre a cinta correrá a cargo do escritor Manuel Rivas, o entrevistador do xuíz Baltasar Garzón na película. Tamén se presenta hoxe á tarde Brasil somos nós, dirixida por Robert Bellsolà e protagonizada por Carlos Núñez.

Despois da procesión de chimpíns amenizada por The Turre's Band, dará comezo a Noite de estrea, coa presentación dos xurados do festival, as primeiras imaxes do filme Querida Gina -o primeiro filme protagonizado por dous veciños de Cans-, e dos making of da edición de 2010, Un festival na estrada. Tamén se presentará o proxecto Can Campus, Algo terás que facer.

A Asociación Cultural Arela fará entrega do Pedigree'11 á actriz coruñesa María Pujalte, e outorgará tamén os Chimpíns de prata a Roberto Vilar e Serafín Campos, e os premios do concurso de videoclips, coa proxección das pezas gañadoras xunto co videoclip do proxecto Can Campus Las mentiras.

En Brasil somos nós, o músico Carlos Núñez pescuda o pasado do seu bisavó, José María Núñez, que emigrou ao Brasil en 1904 e desapareceu, supostamente asasinado por outro músico. Nesa viaxe o gaiteiro tamén se mergulla na cultura do país e o seu incrible patrimonio musical. Descobre así que a música brasileira aínda conserva a vella cultura galaico-portuguesa, revitalizada polo contacto con outras, especialmente a africana. Desta experiencia, na que Núñez tivo contacto con músicos da talla de Lenine ou Carlinhos Brown, xurdiu tamén o seu último disco Alborada do Brasil.

En Escuchando al juez Garzón, o maxistrado fai un repaso da súa traxectoria, sen eludir ningunha pregunta relacionada cos distintos procesos abertos na súa contra. Afloran así os temas definitorios do momento, entre eles, "o poder da corrupción institucional que calou de tal maneira que o problema xa non é a corrupción, senón que non te pillen".