Dez coreógrafos de cinco países participan esta semana en Santiago e A Coruña no programa de clausura do proxecto Tour de Europa de Coreógrafos, que o Centro Coreográfico Galego (CCG) desenvolve desde o mes de setembro de 2010 xunto con outros catro centros de Alemaña, Francia, Irlanda e Polonia. Inserida no Programa de Formación Continuada da Comisión Europea, esta iniciativa celebrará as súas últimas sesións de traballo no Salón Teatro de Santiago e na sede coruñesa do CCG entre o mércores 29 e o sábado 2 de xullo, ademais de contemplar a asistencia dos creadores seleccionados a dúas das xornadas do Empape (Festival Internacional de Danza en Paisaxes Urbanas) da Coruña.

Galicia será a última escala dos coreógrafos Marta Alonso e Jesús Rubio, polo Centro Coreográfico Galego; Claudia Miazzo e Philip Vuillerment, por Le Pacifique-CDC de Grenoble (Francia); Charlotte Spencer e Liadain Herriot polo Dance Ireland de Dublín; Aleksandra Boris e Beata Mysiak polo Lubeslki Teatr Tanca de Lublin (Polonia); e Lucia Glass e Gudrun Lange, polo Kampnagel de Hamburgo (Alemaña), despois de tomar parte nos talleres, seminarios, visitas e encontros profesionais desenvolvidos ao longo dos últimos nove meses nas outras catro entidades asociadas. No peche do Tour de Europa de Coreógrafos, asistirán a reunións profesionais sobre produción e distribución de espectáculos e sobre creación multidisciplinar con Branca Novoneyra e con Nuria Alonso.