A banda irlandesa The Chieftains celebra os seus cincuenta anos de vida coa saída ao mercado de Voice of Ages, un disco de colaboracións con novos talentos. "Logo de medio século de música gloriosa ás nosas costas, non podo imaxinar nada máis excitante que pasar outros cincuenta anos colaborando coas mellores voces do futuro", declarou Paddy Moloney, o líder da formación.

Entre os convidados na obra achamos a Bon Iver, The Decemberists, que participan cunha versión do clásico de Bob Dylan When the ship comes in, e The Low Anthem, co tema tradicional irlandés School days over. Pistol Annies, Carolina Chocolate Drops, Punch Brothers, The Civil Wars, Imelda Day, Paolo Nutini e a dublinesa Lisa Hanniganagan completan o capítulo de convidados, entre os que aparece Carlos Núñez, colaborador da banda dende hai anos. Ademais do disco, The Chieftains celebrará esa data especial de aniversario cun documental e unha xira mundial que comeza en Estados Unidos.