Hai grupos noveis que están anos perfeccionando a súa proposta musical ata que deciden dar o salto ao mundo discográfico. Ás veces pasan moitos anos e noutras ocasións son poucos. No caso de Alvariza foron precisos once anos de vida musical para afrontar a súa ópera prima. "Levabamos anos experimentando e agora consideramos que esta era a música que queriamos facer e coa sonoridade que estabamos conformes", sinala o percusionista Chema Cebeiro.

Comezaron como un grupo máis volcado esteticamente cara ao folk e foron dando pasos para unir o toque tradicional e formar un conxunto que se asemella ás antigas murgas. "A proposta máis achegada ao folk non acabou de callar e a xente que foi entrando na formación marcou a liña musical a seguir". A eles gústalles definirse como unha orquestina, "por contar cun acordeón ben presente no noso son".

Chama a atención a presenza dun clarinete baixo, que ademais está acompañado por un saxo soprano e outro clarinete. "O clarinete baixo non adoita estar moi presente na música galega, mais nós achamos formacións que o empregaban nos anos cincuenta. Está a chamar a atención que o teñamos e iso serve para diferenciarnos na procura dunha sonoridade propia que nos faga distintos a outras formacións. Sería ideal que a xente identificase unha peza nosa en canto a escoitase, xa que iso outorga unha identidade propia". A saída ao mercado de Once badaladas vailles servir "como carta de presentación da banda e, polo momento, está a causar unha boa impresión". Parte importante na xestación do disco foi o apoio de Roi Maceda, da editora Zouma records, "xa que apostou totalmente por nós e debemos agradecérllelo". Algúns dos membros de Alvariza viven da música, pero con este grupo non se formulan ser profesionais. "A nosa intención é tocar o que poidamos e, iso si, queremos interpretar a música do xeito máis profesional posible". Aínda que non se queixan do número de concertos realizados, co disco pretenden ser máis coñecidos e aumentar a contratación.