Entrevista ( 8 / 06 / 2012 )

Xosé Neira Vilas: "Xa non hai Lelos nin Balbinos, pero eu enténdome ben cos nenos de hoxe"

O ano 50+1 da súa traxectoria literaria, contada dende aquela asombrosa estrea con Memorias dun neno galego, Xosé Neira Vilas retoma o fío da emigración en Esperando o leiteiro (Editorial Galaxia)

27.11.2015 | 18:02
Xosé Neira Vilas, en Gres.

-En Esperando o leiteiro, volve Vde. tratar o tema da emigración; pero. a diferenza, por exemplo, de Memorias dun neno labrego, nótanse neste libro unhas pingas de humor que quizais se botaban en falta daquela. Por que esta concesión? Talvez aconteza que, co paso do tempo, as persoas relativizamos as cousas, xa non dramatizamos tanto?

-Eu sempre mantiven un alto sentido do humor. É un persoal xeito de estar que me axuda a vivir. Moitos problemas, moitas situacións que vivimos cada día, non se poderían aturar se non houbese unha dose de humor. Exercín o humor profesionalmente, tamén. En Cuba colaboraba moito no semanario humorístico Palante, e na revista Bohemia tiña unha sección semanal humorística. Aínda colaborei noutras publicacións, ou suplementos, como El sable e La chicharra. Memorias dun neno labrego tiña que ser así porque así era a situación que trataba. Non había lugar para o humor. Tampouco en Xente no rodicio nin en Querido Tomás. Por outra parte, é certo: os anos dannos un sentido do humor máis agudo. O gran novelista Alejo Carpentier, tras varias obras, comeza a utilizar o humor en El recurso del método e xa non abandonou ese ton. Díxome un día, na Habana, Julio Cortázar que o humor é un ingrediente cada vez máis escaso na novelística do noso tempo. En Esperando o leiteiro hai outro ritmo, outro estilo; é un monólogo en segunda persoa, un tanto experimental, pero a pesar do drama da emigración e outros dramas colaterais, o humor está presente; o mozo que emigra dános esa visión (que hoxe é a miña, claro).

-Chama a atención que escribise Vde. esta novela sen capítulos, sen sequera puntos e aparte...
-Xa dixen que hai algo experimental, en varios sentidos, nesta novela. Admitamos que o protagonista está algo nervioso, preocupado por se o leiteiro non chega e se lle derruba todo o proxecto. E cavila e cavila, recorda..., mais o pensamento non ten capítulos nin puntos aparte, flúe como un regueiro e el vai recordando tras calquera momentánea asociación, vai rebobinando a súa existencia; vai despedíndose da infancia, da sociedade na que viviu ata ese día, con todas as súas miserias, medos, superticións?

-Que personaxe ten que ver máis con Vde.: Balbino ou este rapaz que "espera o leiteiro"?
-Sempre un vai dando anacos de si mesmo e do seu ámbito. Eu son e non son Balbino. Non o son canto á situación de "caseiro", non me pasou o que lle pasou a el tras da provocación do neno señorito ao que lle ceibou unha pedra cando xa non puido aturalo máis; non recibín unha tunda humillante de meu pai nin fuxín da casa. Nada da anécdota me pertence. Pero si son meus o río, os costumes, a escola, a igrexa, o entroido, o loito... en suma: o ámbito social e xeográfico. Son meus e de millares de rapaces de doce ou trece anos na postguerra, polo menos na comarca do Ulla. En Esperando o leiteiro tamén hai detalles autobiográficos (o primeiro baile, o de confesarse por escrito, o teatro, etc.) pero, fóra diso, é pura invención, dada nun contexto social de posibilidades neses anos. Poida que algún personaxe saíse, modificado, dalgún modelo vivo, pero os máis deles son pura invención, ficción total dentro dun medio dado. De todas as miñas novelas, poida que a máis autobiográfica sexa Aqueles anos do Moncho (sobre un neno de 8-9 anos no tempo da Guerra Civil), e para iso, como é natural, tamén hai bastante ficción. A vida, de seu, a vida de calquera persoa, pode ser interesante, pero non dá xeralmente para unha narración literaria a menos que sexa unha persoa excepcional.

-Supoño que xa estará afeito a que cada vez que o entrevistan, saian as Memorias. Non ten a sensación de que a sona desta obra tapou outras que Vde.escribiu, tan boas ou mellores que esa?
-Certo. Hai novelas miñas e tamén libros de contos poida que de maior elaboración que Memorias; por exemplo, a de Moncho, que veño de mencionar ou Querido Tomás, na que narro en primeira persoa dende a pel e a psicología dunha muller, ou Camiño bretemoso, ou os contos de O home de pau, por poñer algúns exemplos. Pero mandan os lectores, o autor nunca sabe. Máis "elaboración" non quere dicir mellor acollida, aínda que as narracións mencionadas teñen varias edicións cada unha delas. O lector manda. Con todo, Memorias non desmerece en absoluto, malia ser o meu primeiro libro de narrativa.

-Ao escribir, permítese Vde. licenzas que, aparentemente, saen fóra da normativa oficial. Non o teñen chamado á orde algunha vez por causa deste "asunto"?
-Eu sigo a normativa vixente, en xeral, por disciplina, pero é verdade que nos textos narrativos ou poéticos, algunhas veces voume do rego seguindo o uso coloquial de certos xiros. De certa maneira, así é como imos facendo idioma, que é o que importa. Temos que ser nisto audaces e non coutarnos; deixar atrás a linguaxe "encorsetada" dos dicionarios. A palabra debe servir á beleza, á creación continua. Debe ser liberdade.

-Para cándo unhas "Memorias de Xosé Neira Vilas"?
-Non hai apuro niso, e tampouco sei se importa moito, pero algo vou contando, algo do meu andar vai saíndo. Na editorial Ir Indo, o profesor Ramón Regueira publicou unha biografía miña; En Galaxia saiu Neira Vilas na Arxentina, libro da profesora Nora Longhini. Faime unha entrevista e conto con moito detalle os meus doce anos pasados en Buenos Aires (1949 - 1961) en máis de setenta páxinas. Hai ducias de entrevistas e hai centos de artigos meus máis ou menos memorialísticos. Hai unha páxina Web miña e outra a través da Asociación de Escritores en Lingua Galega. E estou traballando aos poucos nun libro que vou titular "Días de Cuba", no que conto dos meus trinta e un anos vividos naquela illa.

-Hai nenos de agora que aínda se identifican con Balbino, con Moncho, con Lelo...?
-Tanto non. Son personaxes de hai cincuenta/sesenta anos. Eu vou a moitos colexios e institutos. Falo con rapaces e rapazas. Sei dos seus gustos, das súas lecturas. Identifícanse polo que hai de "aventura", pola linguaxe accesible na que escribo e porque, dalgunha maneira, é a vida deles mesmos. Xa sei, a vida cambiou moito, a sociedade galega cambiou moito, pero os rapaces que len eses libros, sobre todo Memorias e Cartas a Lelo, se teñen algunha dúbida, falan co avó e deseguida voltan ao rego, pois aínda os que moran en vilas e cidades teñen case sempre un avó que chegou da aldea.

-Pasouse Vde. case todo o ano visitando escolas co gallo do 50º aniversario de Memorias...Que nos conta desa experiencia?
-Xa pasou o ano do 50º aniversario das Memorias, pero sigo indo a colexios e institutos. Enténdome moi ben coa xente nova. Fanme moitas preguntas e moi atinadas. Algunhas ata me asombran e danme a medida de que a estes rapaces de agora non lles queda tan lonxe o agro como pudiera pensarse. Por exemplo, en Tui cantáronlle cancións a Balbino, e enviáronlle cartas. En Sanxenxo, antes de ir alí, fixeron unha exposición con máis de oitenta cartas a Balbino e a Neira. Hai unha tenrura, unha graza, unha solidariedade co neno pobre e ofendido que me conmove. Recentemente fíxose na Estrada unha exposición con centos de debuxos e cartas que me tiñan entregado estudantes de nada menos que trinta e oito centros de ensino. Unha nena preguntábame en Mazaricos se o que lle pasou a Pachín foi tal como se conta; un neno de Trives preguntoume se eu me namorara da miña mestra; moitos preguntan por Lelo, o amigo de Balbino, algúns interésanse por Manolito, o rapaz provocador, hainos que queren saber da emigración, etc.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Lotería del Niño 2014

Comprobar Lotería del Niño

Toda la información de la Lotería del Niño. Comprueba los números premiados con nuestro widget de la Lotería del Niño.

 
Enlaces recomendados: Premios Cine