Co gallo do décimo aniversario dos PREMIOS OPINIÓN, o xornal decidiu impulsar unha iniciativa especial para festexar esa data. A idea foi a de crear unha banda para que interpretase pezas de discos que foran galardoados en anteriores edicións do premio. Dese xeito naceu Axada, a palabra significa vento forte, unha formación singular polo infrecuente número de membros da formación (dez) e por contar cunha potentísima sección de vento, composta por catro músicos. No último lustro vemos que se van engadindo este tipo de instrumentos a proxectos nados en Galicia con ligazón a este tipo de música, mais Axada foi unha banda pioneira na apertura a esas sonoridades.

Nesta décima quinta edición volveremos contar con eles no escenario e interpretarán, ademais dalgunha composición que xa soara no seu debut escénico, a súa versión das pezas que acadaron o premio ao mellor tema orixinal nas últimas edicións do galardón, xusto dende que mudou o formato de elección.

O saxofonista e gaiteiro Pedro Lamas non para de enlazar proxectos grandes, nos que está rodeado dunha chea de músicos, e manifesta que está moi ledo "por poder facer reais soños que anos atrás non sabería nin como comezar".

-Que significa para vostede ser director musical de Axada?

-Considéroo un auténtico privilexio. Entre outras cousas dáme a oportunidade de tocar con grandes músicos cos que non o podería facer noutras circunstancias.

-Que sensacións ten cinco anos máis tarde de facer o debut con este proxecto?

-Tanto daquela como agora as sensacións son moi boas. Hai cinco anos foi unha sorpresa para o público atoparse diante dunha banda destas características, que facía algo diferente con temas que xa resultaban coñecidos para eles.

-O concepto é semellante ao daquela ou existen diferenzas?

-Nesta ocasión o repertorio condicionou un chisco, xa que debiamos facer as pezas elixidas como mellor canción orixinal dos últimos anos, pero á hora de efectuar os arranxos mantiven as mesmas coordenadas e os instrumentos empregados son os mesmos que os da primeira vez. Pretendemos facer reinterpretacións que teñan unha identidade propia. Contamos cunha compoñente moi visible na formación, xa que temos a catro músicos na sección de ventos que aportan diferentes timbres.

-Tamén contan coa cantante Begoña Lorenzo e outros cinco músicos de categoría para completar a banda.

-Temos unha sección rítmica impresionante e xente que é coñecida por liderar grupos. Begoña Lorenzo vai facer propios os temas concibidos orixinalmente para outros artistas. Somos un conxunto singular e moi ben sincronizado.

-Que foi o máis complicado de facer?

-Pois cadrar a axenda dos músicos (sorrí). É un reto afrontar temas cunha estética diferente e tentar unificalos para un grupo baixo un mesmo criterio. Cómpre pensar que adaptamos pezas que, por exemplo, interpreta un trío e agora debe ser revisada para que toquen nove instrumentistas, o que nos permite contar cunha ampla parcela harmónica e tímbrica. É algo que me encantou facer.

-Que van presenciar os espectadores que vaian á gala?

-Unha formación pouco cotián, ao sermos dez músicos, que realiza unha revisión do repertorio folk destacado da última década. Serán corenta minutos que creo van pasar axiña para o público e desexo que os abraiemos coa proposta.

-É o encargado da dirección musical no exitoso espectáculo O poder do arcabuz. Como foi esa experiencia?

-É unha das propostas máis interesantes que me chegaron na miña andaina musical. É outro reto, ao contar con vinte músicos á miña disposición e un coro. Falamos dun espectáculo de danza ideado por Henrique Peón, ao que lle agradezo que confiase en min, no que a música debía estar moi coordenada co baile. Paréceme que se fai unha visión da historia dos irmandiños moi interesante.