Non era doado atopar as palabras para despedir ata sempre a Agustín Fernández Paz, un home que fixo da palabra un ben aínda máis prezado. No multitudinario acto pola súa memoria que se celebrou onte no tanatorio de Pereiró, en Vigo, varios escritores e amigos puxeron voz a fragmentos do libro O rastro que deixamos (2012) que recolle diferentes relatos nos que o vilalbés fala da súa infancia e do oficio de escribir.

O aforo do salón de cerimonias do tanatorio quedouse pequeno, con representantes de tódolos ámbitos culturais galegos presentes para acompañar á familia do escritor. Xosé Luis Méndez Ferrín, Antonio García Teijeiro, Xosé Antonio Perozo, Fina Casalderrrey, o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, Paco Martín, Xavier P. Docampo, Antón Pulido e Ramón Villares, son algúns dos artistas que escoltaron á figura principal da literatura infantil e xuvenil en galego. As novas xeracións de escritores como Ledicia Costas, Fran P. Lorenzo, Marcos Calveiro, Francisco Castro e María Solar, entre outros, tamén lle dixeron onte adeus dende Vigo, cidade na que levaba máis de trinta anos afincado.

O director de Xerais, Manuel Bragado, unha das persoas que máis trato tivo con Fernández Paz nos seus derradeiros anos, foi o encargado de presentar o acto e agradecer as mostras de solidariedade en nome da familia do escritor. "Agustín vive en nós, forma parte do noso xeito de ver o mundo", asegurou o editor. Bragado salientou que as mostras de pesar polo seu pasamento foron "un feito sen precedentes na nosa sociedade" e que se debía a que o escritor era "unha persoa que inflúe, que nunca rexeitou a ninguén". "O perímetro do seu abrazo foi sempre o máis inclusivo posible. É un diamante moral no que poderemos espellarnos sempre", engadiu.

Ledicia Costas leu un dos fragmentos de O rastro que deixamos no que o escritor destacaba: "Temos dentro de nós a materia que lle pode interesar a calquera no mundo" e "Só se pode ser universal dende as propias raíces". Costas recoñeu que foi "un pracer inmenso poder darlle voz as palabras dun autor tan inmenso". Despois, os membros da chamada Xeración Lamote, á que pertencía Fernández Paz, adicáronlle unhas verbas. Xabier Senín, Paco Martín, Xosé Lastra, Fina Casalderrey e Xabier P. Docampo encheron de emocións o salón ao tempo que lle deron as gracias por tanto ao mestre e ao escritor.

"Eu aínda quero imaxinar aos meus netos -que aínda non teño- remexendo nos meus andeis e dicindo: "Ah, este que é de Agustín Fernández Paz", dixo Casalderrey. Xabier P. Docampo, que foi mestre en prácticas co escritor, recitou uns versos do poeta José Ángel Valente do que gostaba Fernández Paz e que remata así: "Pues más allá de nuestro sueño / las palabras, que no nos pertenecen, / se asocian como nubes / que un día el viento precipita / sobre la tierra / para cambiar, no inútilmente, el mundo".

Representantes do galeguismo e a política galega como Camilo Nogueira, Xavier Vence, Alba Nogueira, Ana Pontón e Serafín Otero, compartiron as mostras de agarimo no acto. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, mostrou o pesar polo falecemento do escritor, a quen definiu como unha "persoa emblemática" e "literato excepcional", cunha "obra extraordinaria" na súa "defensa do galego e pola súa capacidade expresiva" na nosa lingua.

A Universidade de Vigo, que o nomeu doutor honoris causa en xaneiro de 2013, recordou onte o seu discurso no día que foi investido. Agustín Fernández Paz fixo nel un percorrido pola constante loita a prol da lingua galega e describiu así o seu labor: "Escribir como un acto rebeldía, como un acto de amor. Escribir co desexo intenso de crear algo que antes non existía. E ser consciente de que aramos sobre os mortos desta terra, de que a nosa escrita se alimenta da dos autores que nos precederon".

A filóloga galega Blanca-Ana Roig Rechou tamén lembrou ao autor vilalbés con palabras de agarimo e manifestou a "débeda" que Galicia ten con el. "A túa obra é a que nos axudará neste camiñar e a que fará que nunca deixes de estar entre nós. Estamos seguras de que seguirás a nos guiar con acerto nesa andaina dende calquera parte do universo", apuntou a presidenta da Asociación Nacional de Investigación de Literatura Infantil y Juvenil.

Onte recibiu un tenro adeus pero aínda haberá novas de Agustín Fernández Paz, quedan ensaios inéditos nos que andaba a traballar e despois do verán Xerais publicará a edición especial de Cartas de inverno, unha das súas novelas máis celebradas polo público xuvenil, coa que se celebran os 100.000 exemplares vendidos, só superados por Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas na literatura galega.