Elecciones Generales 2016
Carlos Callón Nº1 do BNG ao Congreso pola Coruña

"Imos dar a sorpresa e inclinaremos a balanza para que remate o goberno tóxico de Rajoy"

"Nas anteriores eleccións houbo xente que cría que había que garantir o cambio e que non era o tempo de pensar en nós. Agora a xente ten máis clara a situación"

20.06.2016 | 09:21
Carlos Callón, na rúa Real.

O candidato do BNG pola provincia da Coruña, Carlos Callón, móstrase convencido de que o partido vai dar "a sorpresa" nas eleccións e que vai conseguir representación que perdeu na cita de decembro.

-O BNG volve facer campaña electoral aínda cando non logrou acadar representación nos anteriores comicios, como afrontan esta nova oportunidade? Pódese revertir a situación?

-Temos a seguridade de que o BNG vai dar a sorpresa o 26 de xuño. Percibimos na rúa moito cabreo. Nestes cinco meses de paripé producíronse Galicia non estivo presente nos temas fundamentais como os que teñen que ver co benestar da xente ou como temas de carácter social, a reforma laboral, a lei do aborto, a Lomce ou a lei mordaza que non se derrogaron. O BNG vai ser moi útil para o conxunto do Estado porque se Carlos Callón é deputado, na primeira semana vai presentar unha s propostas legais para derrogar estas normas do PP.

-Cre que poden retornar ao BNG votos que se foran a outras opcións políticas coa idea de artellar un cambio a nivel estatal?

-Cada persoa decide o voto segundo a situación. Unha muller, especialmente enfadada, dicíame que se sentía defraudada porque votara a outras formacións políticas que lle prometeran un cambio de Goberno, e viu que nin os problemas de Galicia estiveran presentes nin houbera o cambio de Goberno. Nestes cinco meses houbo roldas de prensa diarias, a xente sentíase aburrida porque non eran sobre os problemas da xente, eran sobre cargos. Nunha situación de paro, sabémolo moi ben na comarca da Coruña onde se triplica a taxa estatal de emigración xuvenil. Temos paro, temos os salarios máis baixos do Estado, por que non se derrogou a reforma laboral habendo unha maioría para iso? O BNG vai facer que o Congreso funcione.

-O programa do BNG é o mesmo que o das anteriores eleccións, cando se presentou como Nós-Candidatura Galega?

-Sempre hai que axustar cousas, novos datos... O BNG o que demostra sempre é que ten un proxecto detrás, coherente. Con outras formacións galegas non chega porque nós nos preocupamos do rostro galego da desigualdade. Nós non imos ás institucións a dicir: "Si, bwana", nin a recibir a chamada do líder estatal de turno para que nos diga que non podemos defender Alcoa porque a enerxía que nos quitan beneficia a outra parte do Estado, ou que non falemos do tema do aforro galego porque os 14.000 millóns de euros que nos quitan cada ano son moi útiles para industrializar Madrid e para que vaian ao peto dos pseudo panameños. Non imos entregar cheques en branco a ninguén.

-Problemas que afectan á Coruña e que se resolven en Madrid hai bastantes, como este que cita de Alcoa, cal é a postura do BNG?

-Sempre estivemos en sintonía co comité de empresa, tanto no sentido da tarifación eléctrica, que agora serve só para as grandes compañías. A maiores hai algo moi importante, que Galicia é excedentaria en enerxía eléctrica. Coa que nós producimos, Alcoa non podería ter problemas e a xente da Coruña non se tería que preguntar se pode prender ou non a calefacción. Ás veces dise que Galicia exporta enerxía. Non é verdade, cando alguén exporta, recibe algo. Aquí, róubannola. Queremos que haxa un recibo da luz acorde coa nosa riqueza. As forzas estatais teñen unha amnesia selectiva con Galicia. Acórdanse de pedir o voto, utilizan unha serie de cousiñas en campaña que despois cando están en Madrid esquecen.

-Por exemplo?

-O tema da AP-9. Vemos agora que hai forzas estatais que defenden a transferencia da AP-9 como sempre a defendeu o BNG, curiosamente, non a inclúen no seu programa. Con que argumento ir de Ferrol a Tui é dúas veces máis caro que ir de Vigo a Madrid, cando é tres veces menos distancia. É un roubo.

-E a ría do Burgo?

-O BNG é coñecido polo seu traballo insistente tanto no Congreso dos Deputados e das Deputadas como no Parlamento Europeo e Galego para acadar o saneamento das nosas rías. A ría do Burgo chegou a ser a primeira empresa da Coruña. Podería ser a primeira empresa da Coruña e non o é por cuestións políticas. Se o BNG non está as cousas dos galegos e das galegas van ser sempre moeda de cambio, porque hai outros territorios do Estado que teñen máis peso político.

-O PSdeG e En Marea defenden que son forzas diferenciadas dentro dos seus grupos.

-Moreda dixo con claridade que el quería presentar máis inicitivas en defensa da Coruña pero non podía porque non llo permitía o seu grupo. Gómez-Reino dixo que se no documento do Goberno non había cousas de Galicia era porque non eran cuestións de Estado. O BNG pode axudar a inclinar a balanza da gobernabilidade do Estado en base a eses dous aspectos, dunha Galicia con voz pero tamén de políticas sociais. Cada voto na urna do BNG vai ser unha chamada de atención a todas as forzas estatais para que saiban que teñen que ter en conta as necesidades do noso país.

-En Marea reclama ese posicionamento, dicindo que é quen máis iniciativas presentou e que está agora máis presente ca antes.

-A min chámanme a atención esas hipérboles, pódese desprezar de xeito intencionado e inxusto vinte anos de traballo do BNG, pero non sei se tamén traballaron máis que a Organización Republicana Galega Autónoma, que tivo 17 deputados en Madrid, ou máis ca o Partido galeguista con Castelao e Suárez Picallo. Se imos ao substancial, nin En Marea, nin outras formacións falaron de temas como o financiamento. Non falamos de contas en abstracto, senón de como financiamos o noso ensino, a nosa sanidade, os servizos sociais. Damos máis do que recibimos, iso significa peor calidade dos nosos hospitais, dos institutos. A partir de que o BNG introduce o tema, chegan a dicir que o financiamento é escaso e propoñen parches, pero para esta roda xa non chegan os parches, hai que cambiala.

-Como explica que un programa tan centrado nos problemas dos galegos non conseguise representación e que un como o de Ciudadanos, que non tiña medidas concretas para o territorio, entrase cun deputado pola Coruña?

-Existe por parte da xente unha lectura moi positiva do traballo realizado polo BNG, pero nas anteriores eleccións houbo xente que creu que había que garantir o cambio e pensaba que non era o momento de pensar en nós. Nestas eleccións a xente ten máis clara a situación. O voto útil é aquel que serve para solucionar os problemas e que fai que non te arrepintas ao día seguinte.

-Que postura vai manter o BNG coas parcelas da Maestranza e coa prisión provincial?

-Sempre nos posicionamos igual, a favor dos usos públicos e sociais. A Coruña está farta de especulación, pero as administracións non escoitan. Se estes problemas da Coruña fosen doutro territorio, estarían solucionados.

-Como que?

-Como o financiamento do porto exterior, en Gijón págao o Estado.

-Que propostas levan para loitar contra o desemprego?

-Un plan de industrialización, a crise económica comezou antes en Galicia e non está relacionada coa burbulla da construción, xa antes se estaban a perder postos de traballo do noso tecido produtivo. É necesario derrogar as reformas laborais, uns orzamentos expansivos, que sirvan para afortalar os espazos públicos porque iso vai reverter no conxunto das persoas pero tamén na contratación de máis persoal. De onde pode vir ese diñeiro? Do novo sistema de financiamento para Galicia, no que exista unha facenda pública galega que nos sirva para xestionar os nosos impostos. Se non se consegue iso, o financiamento de Galicia non ten solución.

-É posible facelo?

-É constitucional, Euskadi e Navarra téñeno e grazas a iso puideron resistir mellor a crise, habería un sistema de pago de cupo ao Estado español. Sen isto, o mal do financiamento galego é endémico.

-Que máis?

-Fiscalidade progresiva, atacar a fraude fiscal, é necesario contratar a máis inspectores para perseguir a esas fraudes das grandes fortunas.

-Está tamén o problema da demografía e de poder vivir con dignidade no rural e do rural, que propoñen?

-Ninguén vai ter un fillo por ver un anuncio nun xornal, como pensa o PP. A xente ten fillos cando se dan as condicións para que poida ser así. Todo está moi vinculado, non chega coas axudas de cen euros para cueiros. En corenta anos podemos perder un millón de habitantes. Isto resólvese con políticas económicas que fagan que a xente poida vivir no seu país. Os nenos agora xa pensan en emigrar. Non remataron a Secundaria e xa pensan en marchar e, se nós non nos preocupamos disto, os que teñen o teléfono en Madrid, moito menos.

-Se se repiten os resultados e o BNG segue sen estar, que pasa?

-Eu conto con que imos dar a sorpresa e que imos estar presentes e con forzas. Cada deputado conta nun escenario sen maiorías. Nós imos inclinar a balanza para que se acaben estes catro anos de Goberno tóxico de Mariano Rajoy.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine