Elecciones Generales 2016

"Hai moita xente no proceso que non foi protagonista pero está preparada para selo"

"Porque non se cumprisen as expectativas tan altas que se depositaran en Unidos Podemos e as confluencias non hai que sobrerreaccionar ao pedir responsabilidades"

29.06.2016 | 18:02
Xulio Ferreiro.

O alcalde, Xulio Ferreiro, avoga por deixar a un lado os enfrontamentos internos e traballar nun proceso onde prime a unidade e o compañeirismo fronte as cotas de poder na candidatura que as forzas do cambio presentarán ás eleccións autonómicas, logo da perda de apoios nas xerais deste domingo.

-Que significa no plano local a perda de votos de En Marea na Coruña?

-Nunhas eleccións xerais, a xente vota en clave de Estado e nas locais faino pensando no Concello. Se extrapolamos os resultados, Fernández Lores non sería nin concelleiro en Pontevedra. Aínda así, En Marea conseguiu agora máis votos que a Marea Atlántica en maio. A subida do PP é moi alta, pero sigo pensando que ten que ver cun pensamento estatal. Tomamos nota dos resultados e seguiremos traballando para mellorar, pero sen obsesionarnos coa clave local.

-A próxima cita coas urnas previsiblemente será nas eleccións galegas, que van facer para intentar mellorar os resultados?

-Toca analizar os posibles erros que se cometeron en En Marea, eu penso que houbo unha campaña que non estivo todo o ben que debería e que non se logrou transmitir toda a ilusión que si se transmitira en decembro. O que toca é abrir En Marea, rebaixar o nivel de tensión, incorporar máis actores, trascender o que é a coalición dos tres partidos e incorporar, sobre todo, ás mareas locais, tanto das cidades como das vilas, que teñen moito que achegar para construír esa alternativa desde abaixo.

-Por que di que a campaña non estivo todo o ben que debería, cre que non funcionou o discurso de tenderlle a man ao PSOE e que houbo fuga de apoios tanto para os socialistas como pola banda da abstención?

-Non sei se foi iso. En todo caso, o rival a bater era o PP e hai que enfocar a campaña contra as súas políticas e ofrecendo alternativas serias en clave propositiva. Iso é o que ten que ilusionar á xente que, maioritariamente, creo que segue insatisfeita coas políticas do PP pero necesita un referente electoral ao que acudir e que o mobilice. Se a xente estivo disposta a facelo en maio e tamén en decembro, temos que pensar que o volverá estar nas galegas.

-A súa participación no mitin de peche de campaña de Unidos Podemos en Madrid foi criticada dentro de En Marea e tamén entre os afíns á Marea Atlántica, volvería ir se tivese a oportunidade ou pensaríao mellor?

-A intención que tivemos á hora de aceptarmos ese convite era a de axudar e a de apoiar o cambio como xa o fixeramos noutras partes do Estado. En decembro fun a Barcelona a apoiar a candidatura de Barcelona en Comú e non houbo ningún malestar. Creo que era importante que a voz de Galicia estivese no principal acto da campaña electoral os problemas de Galicia. Coido que era pertinente intentar achegar a experiencia dun ano de Goberno no Concello. Nós sempre entendemos esta relación como de compañeirismo e desde a diferenza. Se os resultados fosen outros ninguén se estaría preguntando se foi ou non correcto.

-Tanto en Madrid como na Coruña dixo moi convencido que iamos "ter un presidente con coleta", logo destes resultados, Pablo Iglesias segue a ser un referente para a confluencia ou é xa un lastre e cómpre mudar as caras?

-Creo que o papel que tivo Pablo Iglesias para construír unha alternativa a nivel de Estado é evidente, facer un partido como Podemos e levalo até onde o levou en tan pouco tempo ten moito mérito, e iso fixo que houbese alternativas noutros países do Estado, como en Galicia e Cataluña. Porque non se cumprisen as expectativas tan altas que se depositaran no partido e nas confluencias nestas eleccións tampouco hai que sobrereaccionar á hora de pedir responsabilidades. Cómpre sermos máis comedidos á hora de plantexarnos certas cousas.

-O PSOE da Coruña falaba o luns de que os resultados electorais eran indicativos da "recuperación" do partido na cidade, cre que se lle pode facer máis difícil gobernar logo destes comicios?

-Se para o PSOE recuperar uns mil votos respecto de decembro e seguir sendo a terceira forza da cidade é a recuperación, a min paréceme moi ben. As cousas no Concello non cambian, seguimos sendo os mesmos que eramos antes. Igual que non dixemos en decembro que o PSOE estivese acabado, creo que tampouco hai que dicir que recuperou un papel que non ten no pleno, que segue a ser o mesmo, importante, evidentemente, pero non cambia nada e hai que chegar a acordos e entenderse. Teremos a oportunidade de comprobar se iso é así ou non.

-Na Deputación de Lugo hoxe [por onte] xa se rompeu o pacto de PSOE e BNG coa aprobación dos orzamentos de PSOE e PP.

-Non sei se respondeu á dinámica interna da Deputación nin cales son as relacións entre PSOE e BNG. Non creo que necesariamente teña que ver coas eleccións.

-Que leccións deixan estes resultados que deban aprender para vindeiras citas electorais?

-Hai que aprender a non fiarse moito das enquisas, e que o traballo non está feito nunca e que se hai que esforzar sempre e que hai que manter a capacidade de ilusionar e que, para iso, hai que ter unha alternativa seria, fiable e que teña propostas programáticas claras e capacidade para levalas a cabo. En todo caso, nada que non se soubese de antes.

-En Madrid ofrecía como aval de Unidos Podemos e das súas confluencias o traballo feito desde María Pita, pódese entender que os veciños non están contentos coa xestión no Concello e por iso non apoiaron unha candidatura similar para o Estado?

-Non o vexo así. Creo que, aínda que eu dixera iso, non xirou a campaña arredor dos Gobernos do cambio, entraron a última hora. Creo que, se en decembro a xente estaba contenta, tamén o estará agora, porque non pasou nada nos concellos nestes meses que supoña un cambio substancial. Penso que na Coruña estamos mellor agora que en decembro, sacáronse adiante proxectos moi importantes como a renda social municipal. Ademais, en cidades nas que non gobernan as mareas ou as confluencias non houbo un comportamento diferente,

-En canto á abstención, amosou esta campaña que unha cousa son as redes sociais e o marketing e outra, erguerse e ir votar un domingo de xuño?

-Si, as redes sociais nunca son reflexo da realidade, nin o van ser, porque non toda a sociedade está nelas e porque, normalmente, cadaquén xa as ten sesgadas segundo a súa ideoloxía.

-Avoga por eliminar o "ruído" para encarar o proxecto das eleccións galegas, mais hai unha corrente que opina que o proxecto de confluencia depende demasiado de Madrid e outra que prefire deixar a un lado o nacionalismo, como avalía estas opinións?

-Eu creo que o éxito de En Marea, cando foi ben e agora que segue a ser a segunda forza, ten que ver coa transversalidade e coa confluencia, con unir culturas políticas diferentes pero que teñen puntos en común. Iso é unha fortaleza e creo que hai que seguir por aí, sen preguntarlle a ninguén se é ou non nacionalista, senón se comparte os principais puntos de acordo.

-Fala de construír desde abaixo pero, dará tempo a facer unha candidatura para as galegas dese xeito?

-Hai que ir despexando incertidumes, unha é o nome do candidato ou da candidata. Corre présa pero non hai que dar pasos en falso. Eu creo que se pode construír desde abaixo, pero tamén que se poden atopar persoas de consenso.

-Que peso van ter os alcaldes e as mareas municipalistas na configuración da candidatura?

-Eu creo que as baronías non funcionan neste espazo político e, nese momento, supoño que os tres alcaldes terán unha referencialidade e, seguramente, unha aceptación elevada en marcos de consenso. A nós o que nos corresponde é asumir certa responsabilidade á hora de suxerir cal pode ser o camiño que permita traballar en termos de cooperación e de compañeirismo e non tanto de rivalidade interna.

-Pero a rivalidade está aí, como van conseguir esa cooperación se seguen a ser os mesmos e tampouco teñen o tempo necesario para faceren primarias nin procesos de participación?

-Creo que segue a haber moita xente neste proceso, algunha que non tivo un papel protagonista antes pero que está preparada para telo e, desde logo, ensanchar o espazo de toma de decisión contribúe a crear aire fresco e a poder superar dinámicas que, seguramente, foron esaxeradas.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine