Docentes do CIFP Someso participaron este 16 de febreiro nunha xornada de emprendemento dixital que forma parte da programación da segunda edición do proxecto A Coruña Emprende 2, unha iniciativa organizada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na que colaboran a Fundación Alcoa e LA OPINIÓN, que busca fomentar o espírito emprendedor entre os máis novos para mellorar a súa inserción laboral unha vez que rematen a súa formación académica.

Despois de asesorar nas últimas semanas aos alumnos do IES Fernando Wirtz da Coruña e do IES de Sabón de Arteixo como montar un negocio en internet onte a formación estendeuse ao profesorado do CIFP Someso. O informático Alberto Basalo explicoulles aos docentes que se entende por empresa dixital e a diferencia coas tradicionais ou offline; como se pode promocionar e fomentar a relación cos clientes a través do markéting dixital e co dominio de ferramentas como os blogues ou as aplicacións SEO e SEM, as newsletters e as redes sociais; a satisfacción da demanda con ferramentas como Analytics ou e-commerce; a atención ao cliente mediante redes sociais e enquisas de satisfaccións; as relacións cos proveedores e as necesidades financeiras con cobros e pagos en liña.

No CIFP Someso tanto profesores como alumnos están moi involucrados co emprendemento e de feito alumnos do centro foron galardoados na edición do ano pasado de A Coruña Emprende polo seu proxecto sobre a creación dunha empresa, e tamén contan con varios recoñecementos do Concello da Coruña e da Xunta. O centro conta cun viveiro de empresas que se pon a disposición de calquera estudante que rematase Bacharelato ou Formación Profesional e queira levar á práctica a súa idea de empresa. Os alumnos máis novos que aínda non remataron a súa formación xa comezan a amosar as súas ideas e o seu interés polo emprendemento en iniciativas como as incluidas no marco de A Coruña Emprende 2.

O programa inclúe actividades formativas tamén para o profesorado porque, como asegura o director do CIFP Someso, Félix Rodil, "non pode darse o caso de que os alumnos dominen as redes sociais e os medios de comunicación que actualmente dominan o mundo e os profesores non". Rodil engade que os coñecementos adquiridos nestas charlas tamén se poden aplicar ás clases, nas que as novas tecnoloxías están moi presentes con soportes dixitais como encerados interactivos ou ordenadores portátiles.

Ademais das xornadas formativas para alumnos e docentes, A Coruña Emprende 2 complementase con visitas dos alumnos a empresas, entrevistas con empresarios da zona e un concurso de idea e de negocio e outro de proxectos. Nos proxectos de miniempresas participan estudantes do CIFP Paseo das Pontes da Coruña, o IES de Viós de Abegondo, o IES Universidade Laboral de Culleredo e o IES Isaac Díaz Pardo de Sada.Nesta segunda edición participan escolares e docentes de Primaria, Secundaria e FP de 15 centros educativos da Coruña e a súa área metropolitana.