Gobernar Cambre é un difícil reto, pero tamén un proxecto ilusionante do que espero facer partícipes a todos os veciños. Quedan moitas cousas por facer, moitos proxectos que poñer en marcha e, sen dúbida, outros que mellorar. O principal desafío de Cambre é aprobar un Plan xeral, o primeiro da nosa historia, que ordene o noso territorio e que favoreza o seu crecemento económico. Será un proceso complexo, pero poñeremos todo o traballo e esforzo necesario para que sexa unha realidade nesta lexislatura. Queremos paliar o desemprego actual, e precisamente cremos no desenvolvemento do noso solo industrial como unha boa fórmula para loitar coa lacra do paro. Trátase de competir cos grandes polígonos industriais da bisbarra posibilitando a chegada de empresas ao noso municipio e por tanto favorecendo a creación de emprego de calidade.

Poñer en valor o noso patrimonio ambiental para o goce dos nosos veciños e como atractivo turístico é outra das empresas do noso libro de ruta. Neste punto, destaca a apertura do río Mero e do seu paseo fluvial. Considero unha prioridade rachar esas barreiras que durante a última década nos impediron admirar esa paixase tan fermosa.

E, por suposto, non me podo esquecer do gran reto, o motivo polo que decidín hai algo máis dun lustro fundar un partido político de veciños e veciñas que pensara no beneficio común dos cambreses e non só duns poucos. Ese fin non é outro que a participación veciñal. Non é unha palabra baleira de contido. Participación real da veciñanza nas decisións fundamentais que lles afectan. A única política que concibo para mellorar este concello é contar coas persoas que viven nel.

Cambre é o corazón da bisbarra, un concello que ten que vertebrar a área metropolitana. Neste senso, temos que apostar pola mobilidade como peza fundamental que contribúa a calidade de vida da nosa veciñanza. O municipio do futuro ten que ser por necesidade un concello ben comunicado coa Coruña e co resto da bisbarra. Temos que afrontar unha realidade inapelable; unha nefasta conexión entre concellos produto dunha errónea planificación. Temos a oportunidade de mudar o panorama actual, ou polo menos a responsabilidade de exisir as administracións competentes en materia de mobilidade que cambien de rumbo.

Non menos importante é ocuparse das persoas que máis sofren a lacra da crise. Un concello que deixe de lado aos máis desfavorecidos non ten futuro. Por iso é necesario, por riba de todo, e no momento que vivimos, potenciar as nosas políticas sociais, mellorar a conciliación familiar e favorecer a inclusión de colectivos vulnerables. Neste senso, teño que facer referencia aos voluntarios, persoas sen afáns económicos que deixan moitas horas da súa vida traballando polo benestar dos demáis. Son o orgullo deste concello e penso que temos unha tarefa pendente cara eles. É a nosa obriga e o noso deber visibilizar o seu traballo porque son eles o mellor exemplo a seguir por nós.

En definitiva, o Cambre do futuro será o que conte cos seus veciños e veciñas, o que se desenvolva seguindo os consellos dos nosos maiores, os verdadeiros sabios do noso pobo, e escoitando aos nosos xóvenes, que dirixirán os proxectos do noso futuro. Temos unha oportunidade de cambiar a política que se viña facendo no pasado recente e imos aproveitala. Traballar no presente para construir un futuro mellor.