A creación da área metropolitana ou a ampliación da Mancomunidade de municipios da Coruña e a súa bisbarra imponse como un reto inaprazable para os vindeiros anos. Debemos ser quen de artellar un sistema eficaz e solidario para aproveitar as nosas fortalezas como territorio e consolidar unha comarca potente que ofreza solucións e oportunidades de crecemento á cidadanía. Para constituíla necesitamos ampliar a nosa base social coa incorporación da cidade, e mesmo doutros posibles municipios, respondendo ao sentido metropolitano co que de xeito real se vive a diario na comarca.

Se algo se require como primeira premisa para que a creación da área metropolitana ou a Mancomunidade funcione é contar cun marco lexislativo axeitado que responda a esta nova configuración territorial. Cómpre que a Lei de Bases de Réxime Local dote á área das competencias axeitadas para dar servizos e dos mecanismos de financiamento que garantan a súa calidade e viabilidade. Debemos chegar a un acordo global, sen outros intereses máis que os xerais e públicos, para poñer uns cimentos sólidos nos que edificala.

Son moitos os servizos que se poden xestionar desde a área metropolitana acadando melloras de funcionamento e promovendo a racionalización do gasto público. E máis aló de servizos concretos abriríanse as portas para planificar un desenvolvemento territorial en común, sostible e sensible ás realidades de todos os municipios.

Un planeamento metropolitano permitirá coordinar o crecemento residencial, a dotación industrial ou de equipamentos, redundando no uso compartido dos recursos, evitando duplicidades ou discrepancias, e unificando a estratexia de futuro. Os cidadáns séntense identificados co seu concello, sen dúbida, pero demandan unha planificación coordinada e a figura da área metropolitana vai propicialo.

As infraestruturas supoñen outro dos grandes retos para os vindeiros anos. Vimos de dar pasos fundamentais no plan de estradas coa apertura da AC-14 e a súa conexión co aeroporto e cos primeiros tramos da vía ártabra. A circulación viuse mellorada grazas a estas

vías de alta capacidade e debemos continuar con este plan. En concreto, a construción do Vial 18 (conexión entre a autopista AP-9 e a

AC-14), a remodelación de Alfonso Molina e a ampliación da Ponte Pasaxe deben ser prioritarias. Con estes proxectos eliminaranse os principais tapóns de tráfico que afectan dentro e fóra da cidade.

Pero non só promoveremos a mobilidade traballando nas infraestruturas. A área metropolitana debe abordar co máximo empeño un plan de transporte con alternativas en autobús, tren e sen esquecer a bicicleta, con carrís reservados que comuniquen todos os concellos.

En Culleredo, os principais obxectivos apuntarán ao incremento dos equipamentos, para dar resposta ao crecemento de poboación que seguimos e seguiremos experimentando. Para iso, o Plan Xeral, xa case listo para a súa aprobación, proverá os recursos para servizos educativos, deportivos, espazos públicos o zonas verdes, apuntalando a grande rede de equipamentos cos que xa contamos.

A excelencia ambiental que logramos na declaración de Reserva de Biosfera debemos confirmala con feitos. A ría do Burgo non pode esperar máis para a súa recuperación. Traballamos a reo para o saneamento integral e esperamos que o Estado e a comunidade autónoma non demoren máis o dragado. Deixemos liortas absurdas e poñamos os medios para recuperar un valor natural e marisqueiro como este.

Tamén trataremos de acadar o recoñecemento do Monte Xalo como monumento natural e difundir os seus valores paisaxísticos, un alicerce turístico para procurar oportunidades de desenvolvemento ao abrigo da declaración da Unesco.

Finalmente, as accións en servizos sociais seguirán sendo prioridade máxima. En Culleredo somos punteiros neste ámbito e desde logo que non escatimaremos para ampliar as axudas e actuacións que sexan necesarias.

En definitiva, temos ante nós desafíos extraordinarios nos que traballar sen tregua por un futuro de maior benestar para os nosos veciños.