Arroz con chícharos, patacas novas, repolo de Betanzos e mais cebolas... A canción popular dá boa conta da sona que teñen os produtos da terra das Mariñas na comarca e fóra dela. Por algo está considerada a horta da Coruña.

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Mariñas-Betanzos sábeo ben e por iso acordou sumarse ao proxecto de cooperación interterritorial Novos Horizontes, que tenta impulsar iniciativas de emprego mediante a recuperación de terras e do patrimonio xenético vexetal, así coma do fomento de novos produtos hortícolas.

O ano pasado e en colaboración co Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, a asociación identificou as variedades tradicionais que empregará nos primeiros campos de demostración. Son variedades de pemento, cebola, repolo, tomate, trigo e pataca, así como de mazás galegas con orientación de mesa e de sidra.

O GDR Mariñas-Betanzos pon así a disposición dos produtores interesados no proxecto 30.000 sementes de cebola de Betanzos, 200 de tomate Avoa de Osedo (Sada), 180 de tomate Negro de Santiago e 925 de repolo de Betanzos. Para sumarse á iniciativa deben contactar coa asociación no teléfono 981 669 541 ou no correo electrónico info@marinasbetanzos.org.

Segundo explica o seu xerente, Jorge Blanco, na comarca brigantina e na do Eume sempre se utilizaron variedades coma o repolo e a cebola de Betanzos e promoverase o uso de cada variedade no seu lugar de orixe, aínda que tamén se probarán novos cultivos.

Foi o Centro de Investigación Agrarias de Mabegondo o encargado de recoller sementes autóctonas e de seleccionalas seguindo criterios agronómicos e de comercialización, coma son o tamaño, a textura, o sabor, o grao de conservación e a resistencia ás pragas dos seus froitos. "Sei que dunha ducia de variedades de tomate quedaron con dúas, a de Negro de Santiago polo seu color e por ser desa zona e a do Avoa de Osedo. O nome coido que llo puxeron eles, bautízanas polo que lle contan as persoas ás que recollen as sementes, que lle informan de que era a semente que empregaba a súa avoa, que era de Osedo, ou de calquera outro dato significativo", conta.

Do repolo de Betanzos, que ten sona de doce, o xerente do GDR aclara que é prezado por abrir menos ca outros: "Gustan cerrados e dun kilo ou kilo e medio de peso, pero non hai unha variedade que sexa máis repolo de Betanzos ca outra. Hai moita poboación, polos cruces".

A semana pasada, o grupo de desenvolvemento rural presentou o proxecto a produtores da comarca, propietarios de terras e técnicos municipais aos que entregou unha ficha coa que pretende coñecer en que variedades están máis interesados. Recibirán as sementes de xeito gratuito -o programa, financiado con fondos europeos, conta cun orzamento de 445.666 euros e rematará en 2013- e farase unha selección de beneficiarios se fose preciso.

"No eido ecolóxico hai moita demanda. Agora veremos que tal funcionan nos campos de ensaio e investigaremos outros cultivos, coma o do lino, que se vende moi ben, ou da quinoa, un cereal suramericano", comenta Blanco. Lonxe, por suposto, dos transxénicos. "Ao final eses produtos son un negocio, as sementes son caras e non son fértiles. Hai que promover novos cultivos con demanda e a recuperación das variedades tradicionais, que forman parte do patrimonio xenético de todos os galegos e polas a súa disposición de xeito gratuito", conclúe o xerente do GDR Mariñas-Betanzos.