É a medianoite do 25 de xullo de 1980, o Día da Patria Galega. O escritor e xornalista Manuel Rivas fala ante o micrófono: "Radio As Mariñas, emisora municipal de Oleiros, emitindo en frecuencia modulada a 100 megaciclos". Sonou o himno galego, e o entón alcalde, Xosé Lois Martínez, inaugurou a emisión da primeira emisora municipal de Galicia e a primeira en emitir integramente en galego.

Setenta minutos despois entrou no estudio de gravación, no primeiro andar da Casa Consistorial, o comandante do posto da Garda Civil oleirense e o sarxento, que clausuraron e precintaron os equipos por orde do gobernador civil. Así estiveron seis anos, ata que o pleno da Corporación acordou en 1986 a posta en funcionamento de novo da radio municipal, agora co nome de Radio Oleiros, que hoxe en día, trinta anos despois, mantense coma unha das máis vigorosas da comarca.

Manuel Rivas foi o director desta primera emisora municipal galega. Naqueles setenta minutos deulle tempo a entrevistar ao profesor da Facultade de Ciencias da Información da Universidade Autónoma de Barcelona Emilio Prado, que falou das emisoras municipais de Catalunya, as pioneiras en España.

Na emisora xa sabían que se ía cortar o sinal e fóra, con tretas, conseguiron reter ás autoridades e aos gardas civís todo o que puideron. Coa Benemérita viñan dous técnicos de Radio Nacional de España, designados polo gobernador para precintar as máquinas, ao entender que só eles sabían como pechar a emisora artesá de vinte vatios.

"La broma duró poco porque aunque Galicia está de moda, por mor del tingladillo referendil, la Corporación de Oleiros y, sobre todo su alcalde, son de un rojo subido, aspecto éste que no acaba de cuadralarle al gobernador civil". Así narraba o sucedido o xornal de maior tirada en España.

O Concello oleirense tentou ata o último momento que non se producise o peche da emisora, despois de recibir, horas antes do inicio da emisión na medianoite do día 24 ao 25 de xullo, a comunicación do gobernador civil que lle reclamaba a documentación sobre a concesión administrativa da radio. O Concello enviou a documentación pero a delegación do Ministerio de Industria devolveulla dicindo que lle faltaba un "timbre móvil de 25 pesetas". Remitíronselle de novo os papeis co timbre esixido pero aínda así o precinto materializouse. O entón alcalde, Xosé Lois Martínez, declarou que se iniciara a emisión "en periodo de proba" e en espera de que "a Administración concedese o permiso solicitado por vía reglamentaria".

Naqueles setenta minutos de historia de radio municipal en Galicia, unhas cincocentas persoas estaban diante da Casa Consistorial oíndo a emisión na radio dos seus coches, aparcados na rúa, a pesar da hora que era, pasada a unha da madrugada. Despois deste peche, as forzas vivas de Oleiros organizaron un ciclo de conferencias sobre radios libres e municipais.

O caso de Radio As Mariñas supuxo que en moitos concellos galegos se tentase tamén montar a súa e Radio Fene foi a primeira en facelo en 1984.

Dende o reinicio da emisión da emisora en febreiro de 1986, daquela xa co nome de Radio Oleiros, Xosé García converteuse no director (cargo que aínda ocupa) ademais de redactor, locutor e ata técnico moitas veces. A emisora variou lixeiramente a frecuencia na que emite: agora atópase no 101.5 da FM. Un dos programas históricos que emitiu foi unha entrevista a José Ramón Fernández, Gallego Fernández, vicepresidente do Consejo de Ministros de Cuba.

A programación actual desta canle radiofónica comeza ás nove da mañá e remata á medianoite. Cada hora ofrece un boletín e ás dúas da tarde emite o informativo principal. Ao longo do día informa de actos culturais e deportivos e tamén conta con programas de entrevistas e un de lectura, un espacio de novas musicais e outro de emprego.

"O programa máis antigo é Fío Aberto, a entrevista que se lle fai ao alcalde e que inclúe chamadas dos veciños. Realizáse case dende o reinicio da emisión e ten moita audiencia e participación, dependendo do tema que se trate", sinala Xosé García, director de Radio Oleiros.

Os grupos políticos da oposición ao longo dos anos teñen protestado en moitas ocasións polo feito de que nesta programación non poidan ter o seu espacio para falar ao igual que o ten o alcalde, e como sucede noutras emisoras municipais, como pode ser a de Arteixo. Polo dagora aínda non o conseguiron.

García sinala que a oferta musical é outro dos sinais de identidade desta emisora. "Ofrecemos unha oferta musical distinta para non competir con outras emisoras. E ten moito éxito. Temos moita música sudamericana e caribeña porque nola traen sobre todo emigrantes, coma unha asociación de uruguaios. Os veciños de Oleiros tamén nos traen moita música galega. Temos moitos vinilos", engade o director.

A radio, que en poucos días inaugurará un novo espacio que se centrará nas causas e efectos da crise económica, ten unha grande potencia. Aínda que hai zonas de Oleiros que teñen problemas para escoitala, como a parroquia de Nós pola súa orografía, pode escoitarse ata en Carballo ou Ferrol, por exemplo.