No día 2 deste mes de febreiro recordei felicitar varias Puras ou Purificacións: da familia, amigas ou coñecidas. Teño a data da onomástica presente, pois formaba parte sempre da recordación da miña nai, xa que a súa, a miña avoa, así se chamaba. En fala telefónica cunha curmá, recordoume que a orixe do nome e da onomástica, así como a festividade da Candelaria ou Candeloria, obedece á cerimonia ou ritual de presentación no templo após o parto, de purificación da que parira que, por espazo de cuarenta días, non podía, xa que era impura, entrar no recinto sagrado. Unha vez cumprida a cuarentena, xa era digna de entrar de novo na igrexa. Naturalmente, os inventores desta norma, os seus prescritores e administradores, eran ou son homes nados de mulleres, como todos os mamíferos humanos, así que se abre un paradoxo non pequeno: quen decide sobre a impureza feminina naceu grazas a ela... Madia leva! Élles unha boa contradición!

En tempo de vacacións da miña infancia, na aldea de Lamas ou na vila d'Agolada, sempre me chamaba a atención a ríxida división espacial-sexual nos bancos da igrexa: no coro e nos bancos da esquerda, os homes; nos da direita, as mulleres, división que non coñecía de Lugo, a miña cidade natal. Andando o tempo, moi lentamente, comezou o transvase, mais, atención!, non o intercambio reversíbel: mulleres, poucas, nos bancos da esquerda (os dos homes), cos seus fillos ás veces; homes, nos bancos da direita (os das mulleres), nunca... Non sei a ciencia certa cal será a situación hoxe; quero supoñer que misturada de todo. Aquela antiga división, como a súa leve modificación, encerran un profundo simbolismo. Producíronse ao compás dun cambio social en virtude do cal as mulleres foron penetrando lenta e dificultadamente no monopolio ou oligopolio masculino, a comezar por máis espazos do mercado laboral, sen que se producise, en termos xerais, o movemento no sentido inverso, isto é, a feminización correlativa dos homes, entendendo por tal a asunción natural de cargas, horarios, traballos e dedicacións aínda maioritariamente femininos...

Nestas estamos e, embora poda semellar anticuadísimo o rito da purificación que mencionei ao comezo, coido que non debemos caír na tentación de o considerarmos tan vello ou reseso... Tamén hoxe, con roupaxes e modalidades diferentes, as mulleres en moitas ocasións deben pasar polo rito da purificación. Por exemplo: mereceren o apoio ou a aprobación dun xefe, dunha autoridade masculina, como aval para poderen ascender na empresa ou no escalafón político; por exemplo, que a adolescente consiga que o rapaz correspondente repare nela e a escolla como parella; por exemplo, que a casada ou emparellada siga facendo depender a súa autoestima do feito de manter esa súa situación... O etcétera sería ben longo. Onte practicouse descaradamente a cousificación da muller. Hoxe, segue existindo, por moito que xa non estexa de moda falar da muller-obxecto como hai trinta anos. En termos masivos, ¿progresamos ou retrocedemos? Ao compás da tan nomeada crise e, ao tempo, baixo o fogo graneado dun consumo insaciábel, ¿cabe falar de evolución superadora ou de involución? Non lles estou nada certa da resposta...