Todas as artes son amigas e o que intentar afastalas acharase moi lonxe de as coñecer. Tal axioma de Voltaire recórdao o profesor Manuel Durán no prólogo ao estudo da añorada Eva Lloréns sobre Valle Inclán e a plástica, estudo en que demostra mesmamente a influencia efectiva de Castelao e de Corredoyra no inventor do esperpento. Todas as artes son irmás e, por iso, resulta imposíbel intimar cunha delas se se desprezaren as demais ou se, en nome dunha especialización-atomización absurda, tan cara á ideoloxía burguesa, separamos en compartimentos estancos unhas e outras.

Este preámbulo vén a conto dun feliz acontecemento cultural que tivo lugar na nosa cidade e tivemos a ocasión de contemplar. Trátase da exposición múltipla que acolleu Atlántica. Centro de Arte con presenza de haikus da escritora Olga Patiño; pintura de Isabel Pintado e mais pezas escultóricas de Soledad Penalta. Maravillounos o resultado. Este non significa unha xustaposición, un conxunto de sumandos, senón unha outra sintaxe, unha dialéctica do inevitábel, en virtude da cal todas as pezas expostas cobran o seu significado en función da relación coas outras e do conxunto total.

Os apelidos das tres artífices son trisílabos e comezan pola mesma letra, como se a casualidade fónico-verbal quixese somarse á comuñón de intereses artísticos. Como non podía ser doutro xeito, nesta colaboración artística formúlase tamén unha interpelación metaartística, que interroga sobre o sentido actual de artes venerabilísimas como a literatura, a pintura ou a escultura. De aí que exista fusión visíbel e tanxíbel entre metal e letra, entre cor e escrita, entre arte verbal e caligrafía: pinturas escritas; esculturas literarias; poemas plásticos. Pareceume asistir, igualmente, a unha especie de axuste de contas coas proprias artes respectivas das tres autoras, coido que, desde logo, ben visíbel na poeta Olga Patiño, non sei se tal na obra saída das mans das outras, cuxa obra non tiña visto até o de agora.

Este exercicio activo de colaboración quizabes non sexa casualidade que veña da man de tres artistas mulleres, nun espléndido traballo de cooperación e non de competencia. Teño escrito como hai un paradigma masculino-masculinista que aposta polo narcisismo e un outro feminino, moito máis dado á introspección. Claro está que un e outro -concretados non rixidamente en homes e en mulleres: trátase de ópticas, non de sexo biolóxico- obedecen, de certo, a diferentes plantexamentos de identidade: a dificultada ou problemática a respeito de patróns sociais consolidados (a feminina) ou, por contra, a definida sen fendas, precisada de ratificación, de autoconfirmación (a masculina).

Parabéns, pois, ás tres artistas! Alegrámonos ben de que se restaure -ou de que se continúe- unha práctica de arte simbiótica con ilustre asento na cultura gelega. A mistura de xéneros existente na poesía dunha Rosalía de Castro, o magnífico painel de tantas e tantas estampas e debuxos de Castelao ou o diálogo constante arte gráfica-poema de Novoneyra así o certifican. Máis un motivo para orgullarnos, hoxe, primeiros anos do século XXI, de contarmos con artistas como Olga, Soledad e Isabel, que tan ben contribúen a arrequecela, esta nosa cultura, e oferecérnola para o noso desfrute.