Naceu uns días despois da Candeloria e do San Brais, santo avogoso dos males da gorxa, do 1910 e foi na Coruña do muiñar do Faro milenario. Seu pai bailarín e tamboril, o seu avó gaiteiro do Rábade da Cha. Leva pois a luz e a música de Galiza prendida en corpo e alma, autor de infindas composicións, sons da paisaxe de Galiza levados polo mundo adiante. Vén a ser da mesma quinta e cerna que Carballo Calero, Luis Seoane ou Miguel Hernández, agora máis ou menos celebrados. Así pois cun século de vida ben andada i en tempos ben difíciles: formado nas coruñesas Escolas do Caldo da Cidade Vella, traballador na Fábrica de Armas, e sempre co clarinete e a gaita ó lombo e cos mellores folgos polos camiños dos acentos galegos . Eran anos de preguerra, guerras e posguerras, de medos, silenzos ou radios clandestinas, nas que gostaba de escoitar a Madariaga, aquel outro coruñés, a quen logo despois do exilio recibiría e con que compartiría cantares coruñeses doutro tempo, arqueoloxías que aínda atopamos arredor dos mostradores das tabernas do Monte Alto. Anos de transición, logo a democracia e velaquí a don Emilio agora, e a velas vir a carón do Océano Maior, dende a Residencia fundada polo Padre Rubinos, aquel outro amigo de acentos e sentires galegos.

Como feito da madeira clara e dura do buxo das gaitas que toca, mestre do repenique lixeiro, así é o amigo Emilio Corral, a quen nunca lle faltou folgo para poñer música de fondo a moitas nostalxias da Terra, esas que voan e se esfaiscan a cabalo do son do punteiro, que xogan entre a curva dos farrapos e pousan en cavilares no roncón. Músicas para festas e agasallos que levaron o nome de Galiza polo mundo adiante. Sempre a música como sombra ou nimbo arredor da monteira, aínda nos derradeiros anos, nos da desgana por perder a súa compañeira, ós amigos....

Vida noutronte gobernada dende a súa atalaia do Monte Alto coruñés, respectado e querido Bravú maiúsculo, o que xa andados os cen anos segue coa súa leria e cargado de nostalxias , dese "nivel de alma" que conforma o "Espíritu Santo" da Terra. Fondas lembranzas, negras sombras que nos asombran e que nos permiten aturar a soidade e a seguranza da morte, da que ben sabemos mofarnos os galegos, as que, ó fin e ó cabo, tanto inspiran neste país panteísta.

Na posguerra autor da ben inspirada Muiñeira de Cabana que forma parte sobranceira na antoloxía da música galega. El precisamente incorporou o pentagrama á música de gaita, ate entón tocábase de oído, como se fai con moitas outras artesanías ou artes da Galiza, ás que non se lle consentía o seu normal desenvolvemento. A música tamén agromaba por un instinto sólido conformado en miles de anos de Historia. Solidario, inquedo e sempre a experimentar novas aventuras musicais: formou grupo con Cántigas da Terra, inicialmente compoñente dos Tamara, clarinete e saxo dos Satélites, todo o que quere dicir ir e vir, vivir con fondura as grandes festas patronais das vilas de Galiza en anos de tristuras que se parcheaban con folións de pirotecnia, músicas, danzas , desfiles e procesións. Clarinetista tamén da Banda Municipal da Coruña, dirixida polo Mestre Roxelio Groba Groba, coa que se xubila. Ambiente no que agroma Galiza, pese á Longa noite de Pedra.

Emilio Corral foi recoñecido, agasallado polos "bos e xenerosos": o presidente e que fixo fisicamente á Real Academia Galega, Martínez Risco, tivo a ben crear para el un título, propio de ser merecentes del repoludos gaiteiros, gabanciosos, de monteira e o mellor saber da gaita nos seus dedos: o título que tan ben soa de Gaiteiro Maior do Reino de Galicia. Agasallo que unicamente consistía nun certificado e nun altisonante panexírico pronunciado dende a tribuna, agradecido con aplausos polos asistentes. Así o recollían as crónicas da época. No 1956 recibe o premio de instrumentistas no Festival de Gales, en Llangollen; no 1961 foi premiado tamén en Normandía, no Festival de Gisors. O gaiteiro Corral sorprendía por innovacións que hoxe xa forman parte da tradición: pioneiro como gaiteiro solista, na fusión da música de dúas gaitas nunha mesma peza... Non deben esquecer algúns tradicionalistas -os que tamén compren nesta dialéctica, pra non sobrepasarse e que ás veces caen no hiperenxebrismo- que a cultura está artellada por tradicións, pescudas, innovacións e relacións. A tradición tamén se reconvirte mal ou ben, igual que se educa ou maleduca. Cousas nas que cómpre cavilar nesta desequilibrada euforia de preponderancia irlandesista, cando cómpre afondar máis no Nós maiestático.

No 1968 Corral recibe da Academia Galega de Belas Artes a Medalla Marcial del Adalid, no 1998 o Ateneo Ferrolán, seguidor das mellores tradicións musicais, artísticas e literarias -a través dunha plataforma preocupada pola música galega e que co seu nome tamén lembra a un grande gaiteiro Constantino Bellón- entregoulle a insignia e o certificado da Gaita de Ouro.

Emilio Corral Vázquez representa moitas esencias da "Galiza Santa de romeiros e xograres", esas que se expresan na música de gaita que toca. Música feita para ceo aberto, para tocar en campas, en desfeleche e repeniques e a golpe de bombo, pandeiro e tamboril tamén, para agasallar á vida é á terra, ás pantasmas e ás santas compañas dos devanceiros, ó devalar do tempo en luces e negras sombras, cando entronizamos ós Catro Elementos , ás Catro Estacións, ás Catro Idades... tradicións, festas e romarías. Sempre te maxinamos, Emilio, noso Gaiteiro Maior, empoleirado nun alto, a carón da Torre dos Atlantes, ergueito, repinicando o punteiro e coa alborada detrás. Irmán gaiteiro Corral: ¡Saúde e Terra! como dicían os vellos galeguistas... e que aprendan os máis novos a darlle xuventude e cosmos á tradición que nos distingue. Aturuxamos e botamos dende o máis fondo do Nós un ¡¡Ei Carballeira!! por Emilio Corral Vázquez.