Durante a celebración da Olimpiada do 1992 en Barcelona puidemos comprobar como os deportistas cataláns que acadaban unha medalla se envolvían na bandeira catalana e momentos despois escoitaban con respecto e emoción o himno español. Era unha mensaxe que o deporte catalán lle estaba mandando á sociedade española. Unha mensaxe que calou e que todos entendimos: Os cataláns síntense parte de España se se lles respectan a súa cultura, a súa língua e os seus símbolos nacionais máis queridos. Ninguén se extrañou por isto e, por primeira vez, parecía que o encaixe de Cataluña dentro do Estado comezaba a tomar un sentido. A manifestación do pasado sábado amosa o contrario. A torpeza do Partido Popular ao presentar un recurso contra o Estatut levou á sociedade catalana ao límite da súa paciencia. Lembremos que o Estatut catalán foi refrendado por máis do 90% do parlament catalán, polas Cortes Españolas e por un referendum no que o povo catalán votou maioritariamente a favor do Estatut. Creo recordar que algo máis do 70% dos votantes decidiron apoiar o texto saído do seu parlamento. Catro anos! Catro anos despois un Tribunal Constitucional de discutida composición toma por fin unha decisión e fai pública unha sentencia. Nela, algúns aspectos que se recollían no Estatut son negados polo TC e isto non gosta á clase política e á cidadanía catalana. Miquel Roca, un dos ponentes da Constitución Española, afirma uns días despois de coñecerse o fallo do alto tribunal que España ten un problema. E é certo. Aqueles augurios do PP de que España se rompía foron funestos e falsos. A etapa de Zaplana, Michavila, etc. non trouxo réditos para os populares, nen sequera en votos. Por riba Aznar e o independentismo catalán se retroalimentaban. Cando máis bruto se puña Aznar máis votos acadaba Esquerra Republicana. Cataluña é unha nación que ten en alta estima a súa dignidade. A man dura non vale para o povo catalán. Canto máis cazurra se pon a prensa madrileña, máis catalanismo medra en Cataluña. A manifestación do sábado proba isto. Unha manifestación cívica, modélica e multitudinaria. Máis dun millón de persoas, nun país de pouco máis de sete millóns de habitantes. E agora que? Pois que España ten un problema. Moita xente moza de Cataluña confiaba que este Estatut fora un camiño sólido cara un federalismo. O federalismo é o sentimento maioritario do povo catalán. Pero esta mesma xente moza, toma como un insulto o recurso e sentencia do Estatut, e agora derivan cara a independencia. É o momento para a reflexión e a temperanza. Os políticos do Estado e os politicos de Cataluña deben buscar unha solución á nova paisaxe que nasce no catalanismo. E, sobre todo, a militancia do PP debe esixirlle aos seus dirixentes máis sentidiño. Ninguén quixo escoitar no seu día a voz de moitos e, sobre todo, moitas militantes do PP popular catalán. En Madrid non lles prestaron atención ás súas valoracións e agora Alicia Sánchez Camacho queda máis aillada que nunca na illa que representa o PP na sociedade catalana. Só un hipotético pacto con CIU podería sacala da desolación. Pero agora está maís difícil que hai uns meses. España ten un problema e non debemos esquecer quen meteu a España neste problema. E todos sabemos que non foi Cataluña. Por certo, cando remato este artigo España aínda non xogou contra Holanda. Como diría o filósofo uruguayo e gran futboleiro, Eduardo Galeano, "o fútbol é como a vida unha ferida que doe", agardemos que esta vez a ferida a sufran os Países Baixos e para nós só fique a gloria. Esta selección merece este Mundial.