Lin recentemente nun suplemento dominical, dos que son a propósito para os levar á praia ou dos que se poden examinar distraídamente na sala de espera médica, unha entrevista co actor arxentino-galego Eduardo Blanco, que me interesou por me ter gostado moito o seu traballo en filmes de Campanella ou noutros. A tal entrevista titulábase Eduardo Blanco: gracioso por naturaleza. A afouta xornalista que a realiza, Mercedes Goiz, espeta como primeira pergunta (non hai que demorar, señores!: cómpre ser rápido como para ir á apertura de Ikea!): "Resulta difícil creer que tenga sangre gallega". Na realidade, debo rectificar, pois, como se ve, isto é unha aseveración, non unha pergunta. O actor ri e responde: "No comparto en absoluto esa posición que sugiere que los gallegos son sosos. Va a conseguir que mis padres se enfaden conmigo". E, nada, a sorrir, que son dous días...

A interfecta, nada en Santurtzi e residente en Madrid, seica coñece ben a realidade de varios países africanos, de modo e maneira que ha de estar familiarizada á forza con millenta formas de discriminación, mais, ao que se ve, unha das máis asentadas en España, con séculos de xenofobia natural sobre / contra os galegos, non importa perpetuala, aínda a custa de incrementar de forma deplorábel a semántica dun estereotipo rancio, estúpido e sempre racista. Xa lle vale -se me permiten os amábeis leitores o coloquialismo- que considere o humorismo unha propriedade xenético-biolóxica, como se, no canto de ser unha entidade intelectual e anímica de subtil elaboración, fose unha excrecencia ou unha función fisiolóxica, hipohistórica. Ora, o asombroso é que dé por sentado que tal condición ou xorne é alleo ao xentilicio galego. E tal rotunda escrebedora ¿de onde sacará a oposición galego / humorismo ou, aínda, comicidade? ¿Terá unha mínima idea da literatura e da arte galegas modernas, dun Castelao, dun Blanco Amor, dun Cunqueiro, dun Laxeiro, dunha Maruxa Mallo... e tantos outros? ¿Será moito pedir que recorde -se algunha leu- unha cantiga de escarnho ou maldizer? ¿Terá lido algo, hoxe, dun Manuel Rivas ou visto algunha actuación dun Luís Tosar ou dunha Teté Delgado? A listaxe, naturalmente, sería ben máis longa, mais estou a citar agora só uns nomes de galegos que se orgullan de o seren e que teñen máis audiencia fóra da Galiza do que a media das-os artistas galegos.

Mais, realmente, é unha perda de tempo preocupármonos por que se manteñan, cal pan reseso e intragábel, atributos tan indixestos para a caracterización do xentilicio "gallego", que, seica, para algúns-algunhas, ten o lombo tan largo que pode cargar con todo... Na verdade, cumpriría, desde aquí, practicar a operación análoga. ¿Cómo seríamos cualificados se ousásemos, con toda a naturalidade, referirnos a "cerrado, como todo bon español"; "cuadriculado, como un alemán"; "fulero, como todos os andaluces"; "bruto, como todos os yankees"; "seco coma un toxo, por algo é castellano"...? Que fichas máis desagradábeis e arcaicas, nonsí? Pois logo, que todo o mundo se aplique o conto...