O vindeiro martes 27, celébrase o Día Mundial do Teatro. "Teatro" é unha palabra de significado ambiguo. Foi usada polos gregos para designar a gradaría desde a que se asistiu (theomai, vexo) á representación dramática, e tamén designou ó público que sentaba nela.

O espazo impídenos falar neste día da gran triada do teatro español: Lope de Vega, Calderón e Tirso de Molina, este, creador dun dos tipos máis famosos do teatro europeo: "Don Juan", aínda que non brillante, é menos sedutor que burlador, un libertino que engana ás mulleres. E Calderón de la Barca, considerado como o máis grande dramaturgo español. No seu día vaia esta homenaxe "ós traballadores do Teatro" como me dixo o actor Fernando Morán.

Moi oportunamente chegoume un interesante traballo, a súa tese, dun gran especialista en teatro e profesor de expresión dramática, o Dr. Fernando López. Moitas veces esquecemos o que temos pasado e queixámonos do presente. A tese do profesor Fernando López vénnos a recordar que no tema da censura calquera tempo pasado non foi mellor. Asistido pola sabia orientación do Dr. Manuel Pérez Jiménez, director do exhaustivo traballo, a tese dun novo doutorando, o xa doutor, meritissimus cum laude, don Fernando López Rodríguez, ou a relixión do traballo: Vivencia y creatividad del sector teatral: un derecho de autoría defendida polo autor na Universidade de Alcalá, do Departamento de Filoloxía da Facultade de Filosofía y Letras.

Con minuciosidade, diría máis, con meticulosidade, imbuímonos das extensas referencias xurídicas, dada a formación xurídica do autor; das referencias bibliográficas citadas na tese, en varios idiomas, de natureza legal tamén, e outras referencias bibliográficas, non citadas, pero consultadas, como nos di el, para a preparación desta profunda investigación. Referencias, principalmente, relacionadas coa tese, de natureza xurídica, dos dereitos de autor teatral, coa creatividade e coa psicomotricidade, da que a súa dona María Luisa Álvarez é veterana especialista.

Dinos o autor ó se referir á censura: "Non será banal tentar aclarar qué se entende por censura". Comezando coa definición de M.I. Abellán, que di: "Por censura hai que entender o conxunto de actuacións do Estado, grupos de feito, capaces de impor un manuscrito ou as galeradas da obra dun escritor -con anterioridade á súa publicación- supresións ou modificacións de todo xénero, contra a vontade ou beneplácito do autor".

Segue dicindo Fernando: "A censura directa ou indirecta exercida durante o franquismo, o potsfranquismo, a transición e a actual democracia é unha vulneración dos dereitos morais, do editor e do actor".

O tema da censura foi tratado por historiadores, literatos e pensadores, preocupados polo mesmo desde diferentes disciplinas.

A Igrexa tamén interveu mediante unha Carta Pastoral indicándolles ós periodistas e escritores o trato que debían outorgar ás obras artísticas e literarias. Copiamos segundo o Doutor Fernando López: "Ensine ós seus lectores, ó facela crítica de libros reprobables onde se encobre o veleno, os erros e os perigos para a moral. Absterse de loas á parte puramente literaria ou artística pois isto conleva unha tentación para o espectador ou lector". Segue a moral da censura: "A impugnación de autores, obras ou películas, non debe facerse en tal forma que redunde en propaganda contribuíndo, indirectamente, a aumentar o seu prestixio e a súa sona. Tralo anuncio da carteleira dos espectáculos que poderán inserir polo seu carácter de servizo público, a Prensa católica debe poñer, a continuación, a censura moral aínda a costa de sacrificios pecuniarios".

Só o tema dedicado á censura, polo exhaustivo traballo do Dr. López, ameritaría uns cursos exclusivos sobre esta etapa represiva de aire puro para o noso teatro no que son especialistas o tánden don Fernando López e a súa dona Mª Luisa Álvarez, expostos cunha amenidade pouco común nesta temática, moi pouco tratada e que lamento, por falta de espazo, non aproveitar este tesouro de investigación no tan preterido teatro.

A censura ten como di González Ballesteros "efectos xurídicos represivos, como o secuestro, as sancións penais ou administrativas ou as responsabilidades civís".

Segundo nos conta o doutor "un caso curioso de interpretación xurídica tivo lugar co secuestro da revista Sábado Gráfico, por publicar os textos de Facenda, aducindo que os dereitos, e autor dos devanditos textos, tíñaos Facenda".

Sobre a novela La fiel infantería de Rafael García Serrano, vese a intervención da censura eclesiástica, unha vez máis, cando di: "que se propón como necesario e inevitable o pecado de luxuria na xuventude". Na novela descríbese varias veces, crúa e indecorosamente, escenas de cabarés e prostíbulos, en fin está salferida de expresións indecorosas e obscenas. Laiase a censura ó dicir que aínda cando os personaxes da novela manifestan sentimentos relixiosos como algo rutineiro abundan expresións de regusto anticlerical, aínda en soldados nacionais, nocivas á novela para a xuventude.

Séguenos narrando amenamente o autor "cómo a censura incide na forma de interpretar e de vestir dos actores, igualmente no teatro ca nas películas...".

El relicario, española, mandóuselle suprimir a escena cando di: "a xustiza é moitas veces inxusta". En marzo de 1945 esta película foi prohibida pola orde do Delegado Nacional de Propaganda. Outras censuradas: Morte dun ciclista (1955) e Calle Mayor (1956) dirixida por Bardem.

No teatro antifranquista existiu non só a censura senón a autocensura.

Opina o noso doutor na súa virxinal tese o interese da ditadura na despolitización cultural para fomentar a indiferenza política.

Concede don Fernando, con certa benevolencia que censura a houbo sempre dunha ou doura forma, desde o Arcipreste de Hita, ata Shakespeare, e sempre existiu unha linguaxe alegórica na literatura e por suposto no teatro.

Dez anos despois de finalizada a guerra civil, coa estrea da obra de Buero Ballejo Historia de una escalera, ponse en marcha un teatro de oposición. "Teatro de oposición ó franquismo que non cesará durante toda a ditadura", explica o autor.

Na sexta parte o autor case exhaustivamente, e nomeei varias veces este adverbio, porque así o é, nos anexos preséntanos as enquisas que Amador Rivera e S. de las Heras realizaron primeiro a 25 autores para que contestasen ás súas experiencias en relación coa censura que foron publicadas na revista Primer Acto, de febreiro de 1974, completándoas coas respostas doutros 14 autores. Estas son as preguntas formuladas: 1º.- Obras que lle teña prohibida a censura e data da súa prohibición? 2º.- Cal cre que foi a causa de cada unha delas? 3º.- Que grao de modificación sufriron as súas obras presentadas previo paso pola censura? 4º.- Que opina sobre a censura teatral? Esta parte última é unha das máis interesantes e amenas que nos fai relela varias veces polo relaxante que é.

Uns destes entrevistados di: "A súa moral, a dos censores, era considerada como a única moral posible..... E no seu nome ditaminaban as prohibicións..."

Ler esta tese do doutor Fernando López é para mozos e maiores, é coñecer outro mundo perdido para nós. Que pronto o vexamos editado.