Quería falarlles do burato de Bankia, pero é algo impreciso de máis. Cando se me ocorreu o tema a cousa andaba por 12.000 millóns e pico, que veñen sendo un billón das extintas pesetas. A hora de escribilo, as últimas informacións falaban de que os fondos públicos que habería que poñer eran 20.000 millóns de euros. Decido escribir do asunto porque aquí non pasa nada, sexan 12, sexan 20 ou sexan 30.000 millóns de pufo cando vostedes estean lendo isto. O que me pasma é o ben que funciona este país para vixiar as cousas pequenas e como se lle escapan as cousas grandes.

Por exemplo, estes días que andamos a xuntar papeliños para a declaración do IRPF. Un colega contoume que lle chegou unha carta certificada da Axencia Tributaria dicindo que debía 0,75 euros. Evidentemente, nin sequera se parou a mirar se tiñan razón ou non, foi e pagounos, cavilando na perda de tempo e cartos que lles supuña a todos -Facenda, Correos e contribuínte- a reclamación daquela débeda de 0,75 euros. Así é, pero así é como deben de funcionar as cousas nun país civilizado. A Axencia Tributaria é un mecanismo admirable, como o é o electoral. O que pasa é que é unha rede pensada para coller xoubas e deixar escapar as baleas. Florentino Pérez paga 49 euros. A familia Botín esquecera que tiña 2.000 millóns en Suíza que metera papá en 1936 e arquívanlle as dilixencias porque eles regularizaron voluntariamente a situación logo de que comezara investigación. O 72% do fraude fiscal en España (42.700 millóns) corresponde ás grandes fortunas e grandes empresas. Na banca, o mesmo. As relacións cunha entidade financeira son bastante parecidas ás da Mafia, pero cuns ritos de iniciación menos vistosos. Se vostede abriu unha conta, practicamente sen saldo e se esqueceu dela, os gastos de "mantenimiento" (?) irán engrosando unha débeda que farán de vostede un moroso semipúblico. De realmente ter unha débeda real importante xa nin falamos. Sen embargo, esa xente que tan ao detalle conta eses gastos de manter unha conta na que nin entra nin sae unha cadela, de pronto bota man da carteira e resulta que lle faltan 12.000 millóns...ai, non para, que eran 20.000, que na gasolineira paguei coa tarxeta. Ou sexa que aquela entidade pola que se mataban Esperanza Aguirre e non sei quen era o outro...Gallardón? en meter aos seus porque era unha mina de poder e de cartos, en realidade era un suflé de fume? E como é que ninguén tivo a culpa? Por qué quen pechou unha construtora porque ninguén constrúe (ou porque os concellos non pagan) ten que apandar co que adebeda e os que levan un banco á ruína non? O Banco de España non está para vixiar esas cousas, sobre todo agora que xa nin ten que asinar os billetes? Poden intentar explicárnolo no Parlamento, que se supón que para iso está? Creo que aquela expresión de "república bananera" para os estados onde quen manda fai o que quere quedou obsoleta. Agora os países nos que os membros da casa real fan negocios pouco claros, os xefes do tribunal supremo fan viaxes institucionais a hoteis de luxo e os banqueiros fan desaparecer os cartos chámanse "monarquías paelleras".