Cousas como o asasinato dos dous nenos de Córdoba, Ruth e José Bretón, son como para renunciar ao pasaporte de ser humano. Non soamente pola actitude do presunto e máis que probable autor das mortes, o pai, José Bretón. Sempre houbo animais que torturaron full time ás persoas que debían de querer e protexer ou que as mataron nun momento de loucura ou por vinganza. O que me parece peor é que o resto da sociedade non teña evolucionado moito desde a época na que se rodeaba a casa do tipo con paus e fouces para facer xustiza pola vía directa, ou se asistía en masa á execución, e os mellores sitios eran aqueles nos que poder ver os espasmos do executado ou recibir algunha salpicadura de sangue.

Este de Córdoba non é o primeiro caso de matar aos fillos para castigar á nai (lembro o dun que tiña un bar fronte da estación de tren da Coruña). Pero si o primeiro que recordo no que o tipo, pasado o presunto trastorno mental, sigue case un ano mantendo unha versión incrible, como se a cousa non fose con el e os nenos desaparecidos non fosen os seus. Xa dixen que xente así hóuboa sempre, pero pensei que a sociedade española estaría máis civilizada. Que despois da crucifixión pública daquela señora de Betanzos, Dolores Vázquez, acusada de matar a aquela rapaza Rocío Wanninkhof e logo condenada sendo inocente pola presión da xente e dos medios, tanto uns como outros deberían ter aprendido algo e serían máis prudentes. Non digo que sexa o mesmo caso. O de Bretón parece transparente, pero repítese o mesmo circo. Presentadoras que interrompen as súas vacacións para facer programas nos que colaboradores analfabetos din barbaridades que elas, facéndose as periodistas dignas, fan como que cortan. Xornalistas que, na desesperación por encher o por manter a roda en marcha, entrevistan a profesores dos nenos (para que digan que? Que José era moi hábil coa plastilina?) ou sacan a veciñas dicindo "no tengo palabras" (pois daquela...). Pais e nais indo cos fillos pequenos a facer pintadas con faltas de ortografía pedindo castigos para o delincuente propios da idade media. Vingadores que acosan aos pais de Bretón (e avós dos nenenos), dous vellos de 80 anos, que xa terán bastante co que teñen. Concentracións de persoas teoricamente solidarias e na práctica ansiosas de protagonismo que se poñen caretas de Ruth e José (que tipo de individuo fai caretas coas caras duns nenos mortos?).

Se estivese no sitio da parella do tal Bretón imaxino que eses castigos que esbardalla a xente por aí saberíanme a pouco. Eu de perdoar son a medias, e admiro á xente que perdoa moito, sobre todo en casos coma estes. Pero afortunadamente non estou nesa situación, senón na dos espectadores, e polo tanto pódome permitir dicir que, despois do tal Bretón, os que me meten máis medo son os que se revolven no espectáculo ou sacan cartos del.