Pasou a folga xeral e cadaquén fai a valoración da mesma según o seu interés. Guerras de cifras aparte, o que ninguén nega é o éxito das protestas na rúa. Moita xente non fixo folga porque lle costa uns carto, sen embargo, sí acudiron ás manifestacións para deixar clara a súa indignación. Aínda que isto da indignación estáse a quedar antigo, porque o que está amosando a cidadanía é que as súas protestas non son só indignación, senón dignificación da sociedade, dos estados que a burramía dos nosos políticos está indignificando. Houbo protestas en toda Europa. Con dúas imaxes moi impactantes. Ambas relacionadas coa intervención dos antidisturbios. Unha foron as cargas brutais que tiveron lugar en Roma, cargas dunha desmesura alarmante, e a outra imaxe foi a do adolescente de trece anos golpexado polos antidisturbios autonómicos da Generalitat. Os Mossos estánse a converter nunha das policías máis duras e desquiciadas do mundo. CIU tería que facerse mirar isto. Pero vaiamos a pequenas reflexións, pequenas historias do noso entorno relacionadas coa folga. Unha cidadá preguntábase: que fan os antidisturbios protexendo as entradas do Corte Inglés nun momento de crise? "A eses -continuaba- pagámolos todos nós. Son funcionarios que teñen que protexernos a nós. As grandes superficies que contraten seguridade privada". Non deixa de levar razón. Compréndese que os antidisturbios protexan as institucións democráticas, pero non as grandes áreas comerciais, estas teñen cartos dabondo como para pagar a súa seguridade. Tamén existe a picaresca. A un viciño estanqueiro, uns gamberros metéronlle silocona na fechadura. Así que chamou a un cerraxeiro. O tipo chegou e en menos de vinte segundos solucionou o problema. Pretendía cobrarlle ao meu viciño cento cincoenta euros polo seu traballo. Resulta que, na mesma rúa, outros negocios sufriran a mesma gamberrada e os comerciantes sabían que se estaban a cobrar coarenta e oito euros polo arranxo, polo que o timador veuse cercado e acabou cobrando cincoenta euros. Hai que ter valor para aproveitar un día de folga xeral para facer o agosto. Outro coñecido meu abreu ese día a súa tenda de roupa. A iso das once e media encontreimo pola rúa. Díxome que fechaba porque non vendía nada. Ao que tiven que responderlle coa maior das lóxicas: "Amigo, hoxe os únicos que fan negocio son os bares. A maioría das persoas que van á manifestación logo van de tapeo. Pero, comprar un chaqueta un día de folga xeral, non creo que se lle ocorra a moita xente. E aínda por riba gastaches en corrente eléctrica". Estamos en democracia e cada un que faga o que queira co se negocio, mais sen perder o sentido común e sabendo o que pode resultar máis caro. Mais, mentres nos andamos con estas disquisicións, os nosos políticos seguen nas mesmas. O país en crise, paralizado laboralmente e eles non foron quen de votar en Bruselas a favor de voar en clase turista en lugar de en preferente. Un billete Bruselas-Madrid en preferente costa arredor de mil cincocentos euros, mentres que en turista anda polos cento cincoenta. Tan só un eurodeputado do PNV, outro de Iniciativa, un de Ezquerra Republicana e unha eurodeputada do Partido Popular votaron a favor de voar en clase turista. Todos os demais, unha boa morea deles, votaron por seguir voando en clase preferente. A maioría destes e destas eurodeputadas pertecen ao Partido Socialista e ao Partido Popular. Como non vai haber desafección cara os dous grandes partidos. O raro é que non haxa máis.