Resulta evidente que existe unha enorme distancia entre como ve o mundo a clase política e como o ve a cidadanía. O que os anglosaxóns chamarían o desaxuste que hai entre Wall Street e Men Street. Isto é, o que sucede na rúa da Bolsa non é o mesmo que sucede na rúa dos humanos. Esta diferenza abismal na percepción dun problema global, no presente caso, a crise, é o que aumenta a desafección entre os representantes e os representados. Eu non pido a dimisión do goberno actual. Non, pido que veña outro. Non digo que haxa eleccións. Digo que as persoas de ben do Partido Popular presionen a Rajoy e aos inventores de idiomas -Montoro, Cospedal, etc.- para que deixen de facer o ridículo. Con seis millóns de parados xa non se pode falar de herdanzas, nen seguir vivindo nas emboscadas políticas. Levamos demasiados anos sendo testemuñas da imbecilidade dos dous grandes partidos do Estado. A situación actual é dunha urxencia meridiana e precisa acción meridianas. Non se trata de que volva Rubalcaba. Non. Trátase de que este goberno, xa caduco, sexa dimitido polo propio partido, e que poñan no lugar desta xentiña, a xente máis capaz, que a teñen. Sería algo novedoso e moi san para a nosa democracia. Pero non o farán porque só pensan en clave ideolóxica e así nos vai. Somos un país caininita, non cremos nos matices. Ou branco ou negro. Os grises non contan. Se defendes unha lei promovida pola esquerda es un socialista ou un comunista, se defendes unha lei aprobada pola dereita es un facha, se defendes aos afectados polas preferentes ou ás vítimas dun desahucio es un antisistema. Se es crente es un puritano e se es un laico es un golfo. Pode un país sobrevivir así? Non. Como imos sentir iso que se chama España, con orgullo, se non estamos orgullos dos seus habitantes? Ai!, a envexa. Que pecado tan triste. E, por certo, a ver se alguén vai a Bruselas ou a Berlín e dí que o Reino de España non está disposto a asinar certas políticas económicas. Porque levamos cinco anos de austericidio e non solucionamos nada. Ousexa que por riba de torpes, cobardes. Por iso, diante desta España cainita prefiro a literatura como patria e, se me apuran, a literatura de aventuras. Porque, verán, eu sen a balada do vello mariñeiro sería o retrato da amargura. Sen o loro de John Silver e sen Moby Dick non paga a pena vivir. Sen Athos, sen Nemo, sen Yáñez de la Gomera, sen Sandokán, sen o cabaleiro de Ventimiglia no paga a pena vivir. Sen Baroja, sen Conrad, sen Valle, sen Verne, sen Mary Shelley, sen Cunqueiro, sen Byron, sen London, sen Stevenson, sen Hemingway, sen Dumas, sen Wilde non paga a pena vivir. Vivir sen eles é vivir como bestas de tiro ao servizo dos explotadores dunha nación que vendeu a súa alma ao goberno da estulticia. Entre Merkel ou Robinson Crusoe, teño clara a miña aposta. Así que, saben que lles digo: a paseo, váianse vostedes, a paseo. Seis millóns douscentos mil parados. Por Deus, son vostedes a reencarnación da maldade!